O Trofeo Cidade de Pontevedra de élite e sub 23 é unha antesala da Volta a Galicia





Modalidades: 

Presentouse en Pontevedra a segunda edición do Trofeo  Cidade de Pontevedra – Memorial Rogelio Acuña que organizan o Supermercados  Froiz e a Federación Galega de Ciclismo co patrocinio do  Concello de Pontevedra. A presentación correu a cargo da responsable de deportes de Pontevedra,  Anxos  Riveiro que estivo acompañada pola directiva do Grupo Deportivo Supermercados  Froiz, Ana Portela e o Director Técnico da Federación Galega de Ciclismo, Guillermo Sande.

A cita pontevedresa, que este ano ten como segundo nome o Volta  ao Morrazo, sairá desde a Praza de España á dez da mañá para completar un trazado de 100 quilómetros que discorrerán por Marín, Bueu, Cangas, Moaña, Domaio, Cobre, Vilaboa, Arcade, Soutomaior, Pontecaldelas e retorno a Pontevedra.

No acto resaltouse a destacada presenza de equipos ciclistas que acoden á proba como última posta a punto xa que se atopan a catro días da disputa da Volta a Galicia, a última carreira por etapas de nivel da tempada. Sobre os posibles favoritos os organizadores consideran que "son moitos os que poden aspirar ao triunfo”. O pasado ano o vencedor foi o manchego Pedro  Merino (Supermercados  Froiz) tras superar no esprint ao surafricano  Willen  Jakobus (Club Ciclista Rías Baixas) e a Aser Estévez (Cortizo – Anova).

A proba é valedoira para a Copa Galicia elite e sub 23 de estrada e coa de Pontevedra péchase un trío de carreiras que forma coa Clásica de Pascua e a Volta ao Ribeiro. Francesc Zurita (Rías Baixas) é o líder provisional desta Copa e valeríalle ser cuarto clasificado en meta para facerse coa camisola final da serie.

Foto de esquerda a dereita: Guillermo Sande (FGC), Anxos Riveiro (Concelleira de Deporte de Pontevedra), Ana POrtela (Super Froiz)