O XCM galego obtivo catro medallas e rozou o podio elite feminino no Campionato de España





María Teresa Barreira revalidou o seu título máster-40 A e encabezou os resultados da Selección de Galicia no Campionato de España de Cross Country Maratón (XCM) celebrado este domingo na localidade xienense de Cazorla. Dúas medallas de prata, acadadas polo máster-40 A Alejandro Trasbach e polo máster-50 A Franciso Xavier López Cedrón, completaron a colleita do combinado autonómico, que acariciou unha cuarta presenza no podio elite feminino. Ademais, o galego Jorge Novoa fíxose co bronce máster-40 B defendendo as cores do Burgas Bike Team. 

Despois de 83 quilómetros e de 2.800 metros de desnivel positivo acumulado, tan so 18 segundos separaron a Susana Alonso do terceiro chanzo do caixón. A biker de Mos mantivo unha fermosa pugna ata os metros finais con Merce Pacios (Bike Kids). Segunda no 2018, a pontevedresa tivo que conformarse coa 'medalla de chocolate' asinando un rexistro de 4:25:51. Sétima finalizou a outra representante elite da Selección de Galicia, a grovense Lara Lois, cun tempo de 4:40:19.

Cuns 1.200 bikers dándose cita na liña de saída, o mellor galego na clasificación absoluta foi o elite Javier Busto. O lalinense completou o percorrido do X Maratón BTT Sierra de Cazorla en 3 horas 41 minutos e 1 segundo. Ocupou a 23ª praza absoluta e a 19ª elite, mentres que Brandan Márquez, o outro corredor do combinado autonómico que participou na categoría raíña masculina, finalizou 36º no seu grupo de idade, detendo o reloxo en 3:53:04.

O vigués cruzou a liña de meta xunto ao seu compañeiro de selección Fernando Guerra, sétimo nos máster-30B, e a menos dun minuto deste dúo rematou Estefan González, tamén lucindo as cores de Galicia, como duodécimo Sub23 (3:54:00).

Éxitos masters

A primeira medalla da delegación galega certificouna Trasbach. Rubricando o 34º posto na táboa absoluta (3:44:34), o boirense quedou a medio minuto do ouro máster-40 A. Un axustado desenlace no que se impuxo o excorredor profesional de estrada Javier Ramírez Abeja (Fernando Torres Probikes). 

A segunda prata da Selección chegaría nos máster-50 A con López Cedrón. O lucense marcou un crono de 3:58:25 e case que a continuación, 26" más tarde, terminaba Novoa, conseguindo para o Burgas Bike Team de Ourense o bronce nos máster-40 B. 

O broche de ouro para o XCM autonómico encargouse de poñelo Barreira. A pontenovesa volveu ser a máis forte nas máster-40 A por cuarto ano consecutivo. Nesta ocasión ergueu os brazos despois de 4 horas 50 minutos e 44 segundos de esforzo. Avantaxou en 3:16 á subcampioa Julieta Escudero (Albox) e o podio completouno Luisa Cuenco. A Selección de Galicia contaría con outra biker no 'Top-5' desta categoría: Ana María González, quinta cunha marca de 5:08:28. 

Clasificación

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Clasificación