Once corredores representan á Selección de Galicia nos Campionatos de España de Soria





Este venres comezan os Campionatos de España de ciclismo en estrada que neste 2017 teñen como escenario Soria. No primeiro día de competición o galego Martín Bouzas defenderá o título de campión estatal sub23 de contrarreloxo acadado o pasado ano. O corredor de Rois é un dos once ciclistas que o combinado autonómico despraza ata esta cita.

Sobre unha distancia de 18,9 quilómetros, Martín Bouzas buscará prolongar a súa espectacular xeira. No 2015 proclamouse campión de España júnior de contrarreloxo e no 2016 repetiu éxito na súa estrea na categoría sub23. A proba arrancará ás 10:00 horas e o especialista do Supermercados Froiz terá como compañeiro de selección nesta modalidade a Diego González (Club Ciclista Rías Baixas).

A continuación, ás 12:00 horas, chegará a quenda para a crono feminina. O percorrido será o mesmo e a Selección de Galicia estará representada pola sub23 Paula Sanmartín (Bioracer Elmet) e a elite Sandra Moral (Cidade de Lugo – Esturión). Pola tarde celebrarase a competición para profesionais e elites masculinos.

O sábado, en liña

As carreiras en liña disputaranse o sábado. Esta xornada abrirana ás 09:30 horas os sub23 masculinos con oito corredores do combinado autonómico en liza: Martín Bouzas, Alejandro Regueiro e Antonio Portela (Supermercados Froiz), Diego González e Raúl González (Club Ciclista Rías Baixas), Cristian Mota (Aldro Team), José Carlos Amil (AMPO) e Miguel Montero (Cambre - Caeiro).

Serán 145,8 quilómetros con saída en Garray e meta en Soria, pero cun trazado diferente ao que pola tarde (17:00 horas) afrontarán as mulleres. Cos mesmos puntos de inicio e final, as elite e sub23 terán que completar 105,2 km. Sandra Moral e Paula Sanmartín repetirán nesta proba e a elas sumarase por parte galega a vixente campioa autonómica elite María José Gómez (Cambre – Caeiro). O domingo estes campionatos despídense coa carreira de fondo en estrada para profesionais e elites masculinos.