Open de España XCO: Os líderes Rodríguez e Canal vencen en El Almendro e Lois pisa o podio





O Gran Premio BTT Villa de El Almendro estreouse con tres éxitos galegos como proba do calendario do Open de España XCO Cofidis. Pablo Rodríguez (Primaflor) sumou o seu primeiro triunfo da temporada e vestiuse de líder na categoría Elite e Sub23, Carlos Canal (Maceda) reforzou a súa hexemonía entre os juniors prolongando o seu pleno de vitorias e Lara Lois (Extol - La Gramola Team) subiu por primeira vez esta campaña ao podio do certame estatal de Cross Country Olímpico. 

O macedán Rodríguez tomou a saída impetuoso e disposto a marcar diferenzas desde o principio, marchándose nos primeiros compases xunto ao seu compañeiro de equipo David Campos. Por detrás, ao primeiro paso por meta, rodaba a uns 30 segundos David Rosa (Massi). Rodríguez fixaría na segunda volta un altísimo ritmo que acabaría por minar as opcións de Campos de seguirlle.

Finalmente, o ourensán conseguiría a vitoria de forma folgada, con 2 minutos e 42 segundos de vantaxe respecto a Rosa. Os puntos sumados nesta terceira xornada do Open sitúan a Rodríguez como primeiro clasificado na táboa Elite e Sub23 cando restan dúas probas puntuables por diante. 

A competición junior tería o mesmo devir que as dúas citas anteriores deste certame. O limiao Canal non deu opción aos seus rivais malia que esta vez sufriu unha picada que lle obrigou a remontar. No podio acompañáronlle Alberto Barroso (Sportbici)  e Jaume Bosch (Tbikes). “Estou moi contento coa carreira que fixemos. A metade da segunda volta sufrín unha picada e perdín posicións, pero aos poucos fun recuperándoas e tendo máis calma nas baixadas para non ter avarías mecánicas”, comentou o de Xinzo de Limia. 

A terceira presenza galega no caixón deste evento chegou na proba raíña feminina. A elite grovense Lois fíxose coa terceira posición con 1:43 de marxe sobre a sub23 María Rodríguez (Primaflor) e tras rematar a 4:34 da gañadora Janika Loiv. Deste xeito a biker do Extol, líder do Open de España XCM, inaugurou o seu casilleiro de podios XCO no 2019. 

A cuarta e penúltima xornada puntuable celebrarase o domingo 5 de maio en Caudete (Albacete).

Máis información