Os bikers galegos conquistaron dous ouros e unha prata no Campionato de España de XCM





Un dobre título na categoría master-40 A e un segundo posto na clasificación elite feminina foi o balance dos corredores galegos no Campionato de España de cross country maratón (XCM) disputado este sábado na localidade malagueña de Alhaurín de la Torre. Representando á Selección de Galicia, Alejandro Trasbach proclamouse por primeira vez campión estatal e no seu mesmo grupo de idade Teresa Barreira revalidou a coroa obtida o pasado ano. O terceiro metal autonómico acadouno Susana Alonso defendendo as cores do Extremadura-Ecopilas.

A dureza do percorrido de 72,5 quilómetros, con 2.800 metros de desnivel positivo acumulado, incrementouse polas altas temperaturas rexistradas. Na liña de saída concentráronse máis de 800 participantes dispostos a afrontar o Maratón MTB - Alhaurín de la Torre – Jarapalos, que na súa quinta edición foi designado como Campionato de España desta modalidade. 

Na proba elite feminina Susana Alonso alcanzou a liña de meta cun tempo de 3:50:22. A mosense rematou a 12:36 da gañadora Natalia Fischer e o podio completouno Rocío Martín (3:52:03), compañeira da galega no Extremadura-Ecopilas.  "Xa teño as tres medallas posibles dun campionato. Conseguín o ouro en 2014 en Paterna del Campo, fun bronce en 2016 en Aviá e hoxe conseguín a prata en Alhaurín de la Torre. Natalia Fisher foi superior ao resto e só queda felicitala. Eu viña con ganas e moi ben pero as rivais tamén contan", sinalou Alonso.

Remonta de Trasbach

Os dous triunfos asinados polos galegos seguiron un guión similar. Alejandro Trasbach non se descentrou tras unha caótica posta en escena: "Na primeira saída estaba ben colocado, pero houbo xente que se coou e decidiuse parar a carreira. Despois todo se complicou e unha vez máis voltei sufrir unha mala saída nun Campionato de España. Era consciente de que tiña que cumprir co meu papel e 'remar' dando o máximo ata chegar á liña de meta".

Animado polas súas boas sensacións, o master-40 A da Selección de Galicia foi superando rivais directos no primeiro porto, seguiu indo a máis e na súa segunda ascensión deu caza á cabeza de carreira da súa categoría. "Cando os adiantei comprobei que eu ía ben e que eles levaban un punto de fatiga importante", indicou o corredor do Racing Cycling. 

Trasbach sentiuse "moi áxil" liderando a proba nos últimos 20 quilómetros e nese treito final reforzou a súa moral ao ir superando a bikers elites. Detendo o reloxo en 3:19:54, e con 47" de marxe sobre Alfredo Padilla, o galego presentouse na meta. "Cando cheguei era consciente de que fixera un bo resultado, pero non sabía que gañara. Dixéronmo os técnicos da Federación Galega de Ciclismo e para min supuxo facer realidade un soño. Era un obxetivo e conseguino a base de traballo e constancia". Nesta mesmo grupo de idade o lucense Diego Álvarez (MTC) obtivo a quinta praza e Miguel Ángel Arias, defendendo os cores da Selección de Galicia, rematou na 72ª posición.

Barreira repetiu título

Tampouco arrancou a proba como desexaba Teresa Barreira. A defensora da coroa master-40A chegaba con dúbidas polas súas sensacións durante os últimos adestramentos e tivo que repoñerse tras unha saída "na que a miña máxima preocupación era non ir ao chan". A vixente campioa europea de ultramaratón atopouse "bastante atrás" antes de empezar a adiantar a corredoras masters nos primeiros 15 quilómetros. 

Ao paso polo primeiro avituallamento a representante do combinado autonómico xa encabezaba a súa categoría. As pernas respostáronlle nas súbidas, pero nas baixadas e nas zonas técnicas cedeu tempo e un posto na clasificación scratch. O título da súa categoría xa o tiña no peto e asegurouno "nos últimos bloques técnicos que xa coñecía da xornada de recoñecemento do día antes coa Selección", apuntou Barreira, que se impuxo cun crono de 4:11:51.  A segunda clasificada master-40A, Teresa Infante, finalizou a 11:26 da biker do Castropol Deporte, que na táboa absoluta feminino ocupou a oitava praza.

A ribadense manifestou que "máis contenta non podo estar e supón un impulso de motivación para continuar co deporte como forma de vida. A miña vitoria está ligada a todas as persoas que estan ao meu carón no día a día: o meu marido que me acompaña e me motiva nos adestramentos, o meu equipo Pillabikes Castropol Deporte que me apoia con material deportivo, a Federación Galega de Ciclismo por confiar en min para formar parte da Selección e para todas as miñas compañeiras do BTT galego, que co seu empuxe apertan en cada proba e fan que o nivel do BTT galego alcance postos de honra nas probas estatais".

Márquez, Busto e Picoaga

No resto da partipación do combinado galego, Brandan Márquez foi de menos a máis e asinou o 22º posto en Elite. O vigués invertiu un tempo de 3:17:26, terminando a 16:55 do gañador Ismael Ventura. Máis lonxe dos primeiros estivo o vencedor do último Open de España master-30. Javier Busto non tivo o seu día e completou a proba na 84ª praza (4:06:31). Pola súa banda, a master-30 Isabel Picoaga meteuse no Top-10 da súa categoría, ao concluír novena (4:41:20). 

Clasificacións