Os cadetes pecharon cun quinto posto a participación de Galicia nos Campionatos de España Escolares





As carreiras en liña cadetes puxeron o punto final este domingo aos Campionatos de España Escolares celebrados na provincia de Valencia. Ao igual que acontecera na categoría infantil, houbo esprints masivos no Circuito Ricardo Tormo de Cheste e no da competición masculina a Selección de Galicia situou a catro representantes entre os 25 primeiros. Un rendemento colectivo que outorgou ao combinado autonómico a quinta praza na táboa por equipos. 

Rubén Fandiño (16º), Breogán Diz (20º), Alexandre García (23º) e Martín Rey (24º) finalizaron o percorrido de 52 quilómetros co mesmo tempo que o gañador Rubén Sánchez (Madrid).

No que respecta á proba feminina, disputada sobre 40 quilómetros, a única galega que cruzou a liña de meta foi Sonia Domínguez. Fíxoo na 40ª posición a 3:44 da vencedora Jimena de Roa (Castilla y León).

Deste xeito baixouse o pano dos campionatos estatais escolares 2019 no que a expedición autonómica acadou unha medalla, a prata conseguida por María Filgueiras na xincana infantil. 

 

Máis información