Os campións de España dominaron no inicio do Open de Galicia – Anova de Enduro en Moaña





Modalidades: 

Arrancou o Open de Galicia – Anova de Enduro cos mellores especialistas da “Armada Galega” exhibindo o seu poderío. Entre os 230 inscritos no Endurrazo sobresaía a presenza de tres vixentes campións de España, que non defraudaron na localidade pontevedresa de  Moaña. Toni Ferreiro (Merida) adxudicouse a clasificación elite masculina, Desiree Duarte (Intense) a feminina e Tony Pérez (Intense) a master-30.

Os outros riders que se vestiron cos primeiros maillots de líderes do certame autonómico desta modalidade foron Pedro Gonzalo (Bici Verde) nos juniors, Raúl Fernández (Cambre-Caeiro) nos sub23, José Manuel López (+Enduro) nos master-40 e Carlos José Táboas (QueBici-Marcisport) nos master-50/60. Unha das novidades desta temporada é a competición amateur na que venceu Ricardo Barros (Fornelos), mentres que na cadete fíxoo Álvaro Comesaña (+Enduro). 

O éxito de participación puxo á guinda ao evento organizado polo THC Bike na comarca do Morrazo, ata onde se achegaron corredores procedentes de León, Asturias, Madrid, Portugal e de toda Galicia. Os cinco treitos cronometrados sumaron unha lonxitude de 34 kilómetros, percorrendo os montes de Coiro (Cangas), Ermelo (Bueu) e Moaña.

Os tres campións estatais presentáronse no Endurrazo despois de estrearse con vitoria unha semana antes no inicio do Open de España en Ojén (Málaga). Desiree Duarte non tivo demasiados problemas para volver subir ao máis alto do podio. Marcou o mellor rexistro en todos os sectores e venceu cun tempo final de 20:24. A 2:41 da ponteareá do Intense Condado Bike rematou na segunda posición Estefanía Cabarcos (BDM Bike) e terceira foi Rebeca González (Komanche) a 7:34.

Ferreiro, con solvencia

Un rider de nivel mundial como Toni Ferreiro asumiu o mando da clasificación masculina dende o primeiro parcial e xa se mantivo ao fronte da táboa ata o final. O elite vigués do C.C. Coruxo asinou un rexistro global de 16:06, superando en 30 segundos ao especialista en ciclocross Mauro González. O de Salvaterra vai cada vez a máis sobre a bicicleta de Enduro e no segundo treito mesmo conseguiu o mellor tempo scratch.  

O terceiro posto en Elite, a tan so un segundo de González, ocupouno Rubén Rodríguez (Intense). O seu compañeiro de equipo Tony Pérez impúxose nos master-30, despois de sufrir un problema mecánico no cuarto sector e resarcirse no quinto e último sendo o máis rápido de todos os participantes.

A alcaldesa de Moaña, Leticia Santos; a concelleira de Benestar Social, Muller e Igualdade, María Ortega; o presidente do THC, Juan Luis Nogueira; o representante da firma patrocinadora Raposo FR, Gustavo Boubeta; e o directivo da Federación Galega de Ciclismo (FGC), Esteban Lorenzo, entregaron os premios e os maillots no podio ubicado en fronte da praia da Xunqueira. O Open de Galicia – Anova de Enduro vivirá a súa segunda xornada o vindeiro 14 de maio no municipio coruñés de Mugardos, onde se celebrará a Montefaro Enduro Race by Cabreiroá & Ciclos Roca.  

Documentos: