Os ciclocrós de Verín e Maceda quedan adiados para o 4 e o 5 de xaneiro





Tema: 

As adversas condicións climatolóxicas que están afectando a Galicia obrigan a aprazar as dúas últimas citas puntuables da copa autonómica de ciclocrós previstas para esta fin de semana. A primeira edición do Ciclocrós Vila de Verín, programada para este sábado, e a duodécima do Ciclocrós Castelo de Maceda, para este domingo, celebraranse finalmente o 4 e o 5 de xaneiro, respectivamente. 

En Verín, o circuíto deseñado polo Club Chinquena Racing Team na contorna da Alameda atópase asolagado polas intensas chuvias caídas durante os últimos días e para este sábado hai decretada unha alerta laranxa por chuvia e vento. Ante a imposibilidade de disputarse a penúltima xornada da Copa Galicia, o I Ciclocrós Vila de Verín queda adiado para o sábado 4 de xaneiro. 

Sen saír da provincia de Ourense, en Maceda o paso da  borrasca 'Elsa' provocou a caída de árbores no escenario habitual das probas de ciclocrós organizadas polo Clube Ciclista Maceda. Ademais, pola previsión meteorolóxica para este domingo estableceuse unha alerta amarela. Polo tanto, a cita que porá o punto final ao certame autonómico de ciclocrós posponse para o domingo 5 de xaneiro.