Os desafíos da Copa Galicia BTT Maratón comezan este domingo coa Transheroica





O calendario de competicións 2018 do ciclismo galego vivirá o seu pistoletazo de saída este domingo no Saviñao. Este concello lucense será o escenario da Transheroica, proba inaugural da Copa Galicia BTT Maratón (antigo Open de Galicia). O certame autonómico de Cross Country Maratón (XCM) presenta este ano cinco desafíos e o primeiro celébrase sobre unha distancia de 65 kilómetros. 

Ás 10:00 horas comezarán a rodar os 260 bikers inscritos na cita organizada polo Club Ciclista Chantadino. A cifra de participantes supera amplamente a do ano pasado, cando a Transheroica se estreou con 197 corredores. O percorrido é o mesmo que na primeira edición, con inicio e final en Escairón, capital do Saviñao.

"Ao ser a primeira proba do calendario non queríamos que se alcanzara un desnivel acumulado demasiado alto. Por iso nos decantamos por esta zona, que ten unhas pistas ideais para rodar. Evidentemente, a carreira ten a súa dureza, pero non é extrema", explicou Xosé Ramón Caamaño, responsable da organización, durante o acto de presentación no que tamén participaron Carlos Armesto, tenente alcalde do Saviñao, e Jorge Rodríguez, concelleiro de Deportes deste concello. No 2017 os vencedores absolutos foron Rubén Atrio e Teresa Barreira.

Cinco citas puntuables

A Copa Galicia BTT Maratón sucede ao Open autonómico desta modalidade e o seu calendario conta cunha cita puntuable máis que o ano pasado. A Viveiro Bike Xtrem (18 de marzo), o Maratón Estaciones Vivas - Baños de Molgas (29 de abril), a Ruta Rei Cintolo (6 de maio) e o Open de Valdeorras (24 de xuño) serán as outras catro xornadas deste certame para os especialistas das longas distancias. 

Brandan Márquez nos elites, Rubén Atrio nos masters-30, Francisco Xavier López nos masters-40, José Manuel Pérez nos masters-50/60 e Teresa Barreira entre as mulleres defenderán os títulos acadados no 2017. Por equipos, correspóndelle ao Castropol Deporte CBS poñer a súa coroa en xogo.