Os gañadores do Circuíto Deputación da Coruña BTT-XC festexaron os seus títulos en Oroso





O Open de Galicia – Anova de Cross Country Olímpico celebrou a súa décima xornada no I XCO Concello de Oroso, unha cita que tamén supuxo a clausura da quinta edición do Circuíto Deputación da Coruña BTT-XC. Os elites Manuel Parada (Barbanzabike) e Nuria Senra (Eskornabois) festexaron os seus títulos provinciais impoñéndose nas súas carreiras. Un dobre éxito que tamén acadaron os cadetes Roi López (Compostelano) e Andrea García (Cambre – Caeiro), e o máster-50/60 José Ramón Castelo (Castro Barbudo).

O resto de bikers que se coroaron como mellores deportistas do certame coruñés tras seis probas puntuables foron os juniors Jonathan Barreiro (Compostelano) e Alba Arias (Arteixo – MB3), o sub23 Marcos Roca (Betanzos), o máster-30 Iván Pereira (Barbanzabike) e o máster-40 Alejandro Trasbach (Racing Cycling). O Tambre Bike organizou este evento que reuniu a un centenar de corredores no Coto da Costa.

A intensa calor disparou a esixencia dun circuíto no que Parada voltou confirmar a súa condición de dominador do XCO galego durante este curso. Unha vez máis tivo ao sub23 Samuel González (Salvaterra) como principal adversario e nesta ocasión o líder elite venceu con 2 minutos e 49 segundos de vantaxe. Mauro González (Salvaterra) e Saúl López (Academia Postal – Actyon – MMR), terceiro e cuarto respectivamente na liña de meta, escoltaron ao representante do Barbanzabike no podio elite.

 Iván Feijoo (Academia Postal – Actyon – MMR) e Sara García (Del Mar de Mugardos) en juniors, Daniel Rodríguez (Máster da Louriña) nos másters-30 e Manuel Armada (Asociación Galega de Ciclistas) nos masters-40 completaron o cadro de gañadores en Oroso.

Novo líder cadete no Open

A falta de tres xornadas para a conclusión do Open de Galicia – Anova XCO, o ranking cadete segue brillando pola súa emoción. Roi López co seu triunfo desbancou da primeira posición a Jorge Fernández (Coruxo). Nesta categoría hai catro corredores pugnando polo título.

 Nas outras nove clasificacións non hai novidades. Parada e Senra manda en elites; Raúl Carracedo (Academia Postal – Actyon – MMR) nos sub23; Adrián Barros (Coruxo) e Alba Arias en juniors; Noela Saa (Academia Postal – Actyon – MMR) nas cadetes; Pereira nos masters-30; Trasbach nos masters-40 e Castelo nos masters-50/60. A vindeira cita puntuable terá como escenario a localidade ourensana do Carballiño este sábado día 24.

Foto: Luz Iglesias

Documentos: