Os riders galegos colgáronse sete medallas no Campionato de España de BTT Enduro





Os especialistas galegos no BTT Enduro reafirmaron a súa condición de dominadores estatais desta modalidade no Campionato de España celebrado na localidade madrileña de El Atazar. O seu botín foi de sete medallas. Cinco deses postos de podio correspondéronlles a corredores da Selección de Galicia: Tony Pérez fíxose coa vitoria en Master-30B, mentres que o elite Rubén Rodríguez, o junior Nicolás Carrera, o master-30B Borja Caneiro e o master-50A Carlos José Táboas colgáronse o bronce nas súas categorías. A colleita autonómica completárona o vencedor elite Toni Ferreiro (Coruxo CC-Mérida) e o subcampión master-40A José Manuel López Vaqueiro (+Enduro MTB), en ambos casos defendendo as cores dos seus equipos. 

A proba disputouse sobre un esixente trazado, tanto nos catro tramos cronometrados como nas zonas de enlace, cunha calor que tamén influíu, xa que a mañá amenceu fresca, pero nas horas centrais do día case se alcanzaron os 30 graos. 

Toni Ferreiro defendía título na súa categoría e a condición de gañador scratch no 2016. O vigués marcou o segundo mellor rexistro nos dous primeiros parciais, sendo superado as dúas veces polo sub23 Gabriel Torralba (Aragón). No terceiro tramo o piloto do Coruxo CC-Mérida sufriu unha caída que o deixou sen opcións de seguir loitando pola vitoria absoluta, pero este percance non lle impediu manterse como primeiro elite. Finalmente, rematou na segunda praza da táboa global, a 38 segundos de Torralba, e vencendo cunha marxe de 25" na súa categoría sobre Édgar Carballo (Canarias) e de 41" respecto a Rubén Rodríguez. 

O bronce asinado polo representante elite da Selección de Galicia chegou despois de que Rodríguez protagonizara "unha carreira bastante boa, con algunhas caídas e erros, pero coa sorte de non ter sufrido ningunha avarían nun terreo moi propenso. A maior dificultade foi manter un ritmo e concentración constantes durante especiais tan longas". 

"Subir ao podio foi o motor dos meus adestramentos na parte final da temporada. Atopeime con confianza durante a competición e tamén durante os días previos, nos que gocei do bo ambiente e a compañía dos seleccionados e dos técnicos da Federación Galega de Ciclismo", apuntou o rider do Condado Bike, que na clasificación scratch ocupou o sexto posto.

Título master

Unha situación similar á dos elites viviuse nos masters-30B cun galego levándose o ouro e outro o bronce, nesta ocasión os dous lucindo as cores da Selección. Tony Pérez prolongou a súa xeira de imbatibilidade nos campionatos estatais. Comezou a acariciar a súa cuarta coroa consecutiva dende o primeiro treito, no que conseguiu o mellor tempo. Nos dous seguintes resistiu o ritmo de José Antonio Barrio (Humilladero) e o piloto do Condado Bike sentenciou no cuarto voltando ser o máis rápido. Logrou o título con 15" de marxe. Pola súa banda Borja Caneiro terminou a 36" de Pérez. O corredor do Galicia DH ascendeu á terceira praza tras rubricar o mellor rexistro no segundo parcial e aferrouse ao bronce ata o final. 

Preto de tamén obter medallas por partida dobre estiveron os juniors da Selección de Galicia. Nicolás Carrera e Pedro Gonzalo estableceron os dous mellores tempos no primeiro tramo. Carrera volveu ser o máis forte no segundo parcial, onde Gonzalo viuse penalizado por unha caída. No derradeiro treito ambos bicarían o chan, o que deixou a Carrera na terceira praza e a Gonzalo, na cuarta. O rider do Coruxo superou en 29"  ao do Bici Verde. 

A participación do combinado autonómico completouse co bronce de Carlos José Táboas nos masters-50A, proba na que o piloto do Quebici-Marcisport asaltou o podio no último sector cronometrado, e coa sexta posición de Roberto Rodríguez nos masters-40 A. O rider do Del Mar de Mugardos non competiu nas mellores condicións ao arrastrar unha gastroenterite. Na súa categoría alzouse coa medalla de prata  José Manuel López Vaqueiro, que se mantivo na pugna polo ouro ata que sufriu unha picada no treito definitivo. 

Clasificación por categorías

Clasificación scratch

Foto: Alejandro López