Os títulos de campións de Galicia de Enduro póñense en xogo este domingo en Vincios





Modalidades: 

Dous anos despois a localidade pontevedresa de Gondomar volverá ser este domingo o escenario do Campionato de Galicia de Enduro. Preto de douscentos riders botaranse ao monte na parroquia de Vincios dende as 08:45 horas buscando os títulos autonómicos. Nicolás Carrera (Bike Comp) defenderá a coroa absoluta masculina acadada no 2018.

O percorrido do Enduro Serra do Galiñeiro, deseñado polo club organizador +Enduro MTB, terá unha lonxitude de 30 quilómetros e un desnivel acumulado de 1.100 metros. Os treitos cronometrados serán cinco: o T1 caracterízase por ser curto e con pequenos saltos, o T2 é o máis esixente pola súa lonxitude e complexidade técnica, o T3 ofrecerá rapidez e diversión, o T4 considérase o máis natural en canto trazado e o T5 debería ser un entretido trámite para alcanzar a liña de meta.

A proba foi presentada en Gondomar coa presenza do alcalde Paco Ferreira; a concelleira de Deportes, Nuria Lameiro; o presidente do +Enduro MTB, Rodrigo Artos; o presidente da Agrupación Deportiva Escolar do Val Miñor, Nacho Troncoso; o coordinador de Deporte Escolar de Pontevedra, Guillermo Barcia; o campión de España Júnior e vixente campión autonómico absoluto Nicolás Carrera; e a secretaria da Federación Galega de Ciclismo, Begoña Carpinteiro.

Antesala do estatal

A gran cita autonómica da temporada conta nesta ocasión co valor engadido de exercer de antesala do Campionato de España, que tamén terá lugar na ría de Vigo o 23 de xuño. Moaña acollerá ese evento no que a Selección de Galicia aspira a ratificar a súa condición de potencia no panorama estatal. A convocatoria do combinado anfitrión rematará de definirse este domingo.

Tras celebrarse no 2017 en Vincios, o Campionato de Galicia disputouse o ano pasado en Vigo co sorprendente triunfo absoluto, debido a súa condición de júnior, de Carrera. Nas restantes categorías impuxéranse David Fernández nos cadetes, Esteban Paz nos sub23, Rubén Rodríguez nos elites, Desiree Duarte nas mulleres, Santos Lemos nos máster-30, Tony Pérez nos máster-40 e Carlos José Táboas nos máster-50.