Os usuarios da bicicleta reclamarán respecto e unha lei xusta este domingo ás 11:00 horas na Praza do Obradoiro





Tema: 

Este domingo 28 de maio ás 11:00 horas da mañá celebrarase unha concentración que partirá da Praza do Obradoiro en Santiago de Compostela para pedir medidas que garantan a seguridade dos usuarios da bicicleta, unha demanda de xustiza e máis tras os recentes tráxicos acontecementos das últimas semanas.

Esta iniciativa está promovida por Pedaladas, Asociación de Ciclistas Galegos (ASCIGA), Compos Cleta, A Golpe de Pedal, Fundación ADO Moure Pro-Deporte, Stop Accidentes, Federación Galega de Triatlón e Federación Galega de Ciclismo. 

Á mesma hora noutros puntos de España realizaranse mobilizacións similares e todas estas marchas aglutínanse baixo o mesmo lema: “Respeto. No + Ciclistas Muertos. #PorUnaLeyJusta". Durante estes actos lerase un manifesto no que se transmitirá a preocupación pola vulnerabilidade á que están expostos os usuarios  da bicicleta, tanto aqueles que a utilizan como medio de transporte, no seu tempo de lecer ou para practicar deporte. 

Ademais, recoméndase que todos os eventos que teñan lugar o domingo se unan a este movemento lendo o mesmo manifesto e gardando un minuto de silencio.

O atropelo dun grupo de ciclistas na localidade valenciana de Oliva –saldado con tres falecidos- foi o que desencadeou a convocatoria dunha gran concentración na praza do Ayuntamiento de Valencia. Os ciclistas de Galicia súmanse a secundar este acto e reuniranse nun escenario tan simbólico como o Obradoiro para que as súas reivindicacións teñan a maior repercursión posible entre a cidadanía. Unha delas é o respecto á distancia de separación de 1,5 metros. 

As estradas galegas acumulan nos últimos anos sinistros tráxicos. Despois do brutal atropelo no mes de marzo do 2016 na estrada que comunica Baiona e A Guarda, o pasado mes de abril un ciclista perdía a vida en Poio.