Óscar Martínez e Eva Castro, vencedores da Vigo Bike Contest e primeiros líderes do Open de Galicia de Enduro





Modalidades: 

A décimo sexta edición do VigoBikeContest volveu poñer onte de manifesto que os montes de Coruxo son unha referencia no mountain bike. O xa emblemático circuíto dos montes vigueses, que aguantou perfectamente as choivas caídas nos últimos días, puxo a proba a case 200 ciclistas, sobre un trazado de 28 quilómetros e máis 1.300 metros de desnivel acumulado, no que os participantes debían completar 5 tramos cronometrados marcados pola organización.

Os favoritos non defraudaron e marcaron os mellores cronos da xornada. Entre todos eles, Óscar Martínez sacou petróleo dunha actuación inmellorable nos tres primeiros parciais, nos que venceu e sentou as bases para a súa merecida vitoria. Marcou unhas diferenzas que foi capaz de manter nos dous últimos tramos, nos que marcaba o cuarto mellor rexistro. Rubén Rodríguez tratou de poñerlle contra as cordas facéndose cos dous tramos finais.

Óscar Martínez, un ciclista que vén do ciclocrós no que brillou a nivel nacional en categorías inferiores, conseguía en Vigo a súa primeira vitoria nun Enduro. Xa demostrara a súa regularidade o pasado ano logrando ser subcampión do Open de España de Enduro, pero facíalle falta demostrar que era capaz de vencer unha carreira. Para o ciclista de Nigrán, o VigoBikeContest é unha carreira especial, xa que foi onde descubriu o Enduro no ano 2012 e é unha proba á que sempre acode e aínda que non lograra gañala si que se adxudicou algún tramo.

No podio estivo acompañado por Rubén Rodríguez, que volve aos postos altos despois dun ano en branco tras sufrir unha rotura de tibia e peroné. O terceiro caixón do podio foi para Antonio Pérez Dacosta, terceiro clasificado do Open de España de Enduro 2015, o que fala do gran nivel deste enduro celebrado nos montes de Coruxo.

Entre as mozas, Eva Castro, campioa de España en innumerables ocasións de diferentes especialidades dentro do Mountain Bike, demostrou a súa valía impoñéndose a Eva Abadín. Para Castro, Vigo é un lugar especial, xa que foi onde logrou facer un podio na Copa do Mundo de Descenso do 2007 e sempre mostra o seu agarimo por esta cidade acudindo todos os anos a participar.

A segunda proba do Open de Galicia de BTT Enduro celebrarase o 23 de abril en Mugardos.

Clasificacións completas

Fonte: http://www.farodevigo.es/deportes/2016/03/07/oscar-martinez-impone-ley-coruxo/1418021.html

Foto: Atlántico Diario