Óscar Martínez e Rebeca González triunfaron no Open de Galicia de Enduro en Gondomar





Modalidades: 

O Open de Galicia de Enduro regresou con forza na comarca pontevedresa do Val Miñor. Os riders elite Óscar Martínez del Campo (Xtrembike-Cannondale) e Rebeca González (Komanche) venceron na terceira edición do Circuíto Concello de Gondomar. Despois de catro xornadas celebradas do certame autonómico, o nigranés sitúase ao fronte da clasificación masculina, mentres que en mulleres Eva Abadín (Barbanzabike) conserva o maillot de líder. 
O C.C. Bici Verde encargouse da organización dun evento que acumulou louvanzas por parte dos participantes. En total, 140 corredores apuntáronse a este reto celebrado sobre unha distancia de 31 kilómetros, con 1.400 metros de desnivel acumulado, e con saída e chegada no paseo Carlos Casares.
 A proba constaba de cinco treitos cronometrados que tiveron como escenario as Comunidades de Montes de San Bieito, Mañufe e Santa Eulalia de Donas, e un último e espectacular parcial coa baixada polas escaleiras da igrexa de San Bieito, en pleno casco urbán de Gondomar. Cada un dos treitos estaba patrocinado por unha empresa do sector: Bicitour, Vigo Bike, Bici O Con, Anca e Máis Que Bicis.
O bo tempo tamén se quixo sumar a este espectáculo, pero nunhas condicións excelentes para a práctica desta disciplina, o día atravesouselle á líder feminina do Open de Galicia. Eva Abadín sufriu un calvario de avarías na súa bicicleta que non desaproveitou Rebeca González para anotarse a primeira vitoria da temporada. A representante do Komanche venceu con sete minutos e medio de diferencia. 


Cumpríronse os prognósticos
Na competición masculina o nome de Óscar Martínez del Campo aparecía en todas as quiniela e non fallou moi preto da súa casa. Ante as ausencias do líder Rubén Rodríguez e de Toni Pérez, que tiveron que desprazarse por compromisos cos seus patrocinadores ao enduro de La Pinilla, o nigranés asumiu o papel de favorito dende o inicio. “Empecei a carreira motivado e despois de exprimirme ao máximo no primeiro treito, estaba seguro de que podía ser o meu día”, asegurou o rider do Xtrembike, que marcou o mellor crono en todos os parciais salvo no penúltimo.
“Cuns treitos tan rápidos era difícil sacar moita diferencia, e coa vantaxe que fun adquirindo puiden disputar os dous últimos máis tranquilo”, sinalou Martínez, que na clasificación scratch bateu por 17 segundos ao Master-30 José Manuel Groba, tamén do Xtrembike, e por 18” ao elite Mauro González (Salvaterra).  
O gañador amosouse satisfeito por ter acadado unha vitoria “moi desexada e nunha carreira divertidísima. Todos gozamos co seu trazado e cos pichos do final”. Na entrega de premios estiveron presentes o alcalde de Gondomar, Paco Ferreira; a concelleira Iria Lamas; o presidente da Comunidade de Montes de Mañufe, Manolo Gómez; e o directivo da Comunidade de Montes de San Bieito, Antón Fernández,
Na clasificación xeral masculina, Martínez recupera o primeiro posto que ocupou tras a primeira xornada, cando se impuxo na Vigo Bike Contest. A seguinte cita do Open de Galicia de Enduro será este domingo na vila pontevedresa de Salceda, organizada polo Xtrembike. 
 

Documentos: