Ouro de Cabarcos, prata de Pellón e bronce de Comesaña no Campionato de Europa DHI





Modalidades: 

Tres masters galegos experimentaron a sensación de subir a un podio continental no circuíto portugués de Pampilhosa da Serra. No Campionato de Europa de Descenso (DHI), a máster-35 Estefanía Cabarcos (BDM Bike Club) colgouse o ouro, o seu compañeiro de equipo Manuel Pellón conseguiu a prata nos máster-30A e Borja Comesaña (Tres Lunas Race) fíxose co bronce nos máster-30B. Un total de quince representantes da nosa autonomía competiron nun trazado de 2.090 metros de lonxitude.

Cabarcos impúxose cunha ampla marxe. O seu rexistro de 4:21.181 rebaixou en case 24 segundos o tempo da tamén española Belén Zapico (Enbici) e en 58 segundos o da lusa Ana Martins (Abrunheira). A do BDM Bike Club marcou o mellor crono de todas as categorías máster femininas. 

A estructura de As Pontes rozou o dobrete. Pellón quedouse a menos de medio segundo da primeira posición nos máster-30A. O actual líde do Open de España detivo o reloxo en 3:25.084, mentres que o portugués Daniel Pombo (Madeira) venceu cunha marca de 3:24.746. O terceiro chanzo do podio correspondeu ao alemán Benny Strasser (Magura), que inverteu preto de 4 segundos e medio máis que o gañador. 

A colleita de medallas galegas pechouse co bronce de Comesaña. O seu 3:44.306 mellorárono os portugueses Paulo Dominguez (M8), 3:38.937, e Luís Riveiro (Lorvanense), 3:33.755.

O noso DHI contou con outros tres riders ocupando prazas de Top-10 nas súas categorías. Marco Martínez obtivo o sétimo posto nos juniors, con Ismael Romero 11º e Sergio Piñeira 15º. Os outros dous corredores da noso comunidade que finalizaron entres os dez primeiros foron os máster-40A Fernando Rodríguez (6º) e Miguel Ángel Pintos (9º). Breixo Ventoso terminou 11º nesta competición.

En canto á proba absoluta masculina, o sub23 Kevin Méndez protagonizou o mellor resultado dun galego: 46º e 8º español. Por detrás del clasificáronse o sub23 Víctor Mariño (56º e 10º español),  o elite Sergio Peleteiro (64º e 13º español), elite Jorge Carregal, (75º e16º), sub23 Fabián Garrido (77º e 17º español) e o elite Nico Larrán (87º e 18º español). 

Máis información