Paula Sanmartín e Aser Estévez reinaron no Campionato de Galicia de Contrarreloxo 2016





Modalidades: 

A localidade ourensá de Baños de Molgas foi o escenario no que se coroaron neste Día das Letras Galegas os dez campións autonómicos de contrarreloxo individual no 2016. Os títulos das dúas probas raíñas viaxaron cara o sur da provincia de Pontevedra. A viguesa Paula Sanmartín (Bioracer) impúxose nun emocionante desenlace na categoría Elite feminina e o guardés Aser Estévez (Club Ciclista Rías Baixas) exhibiuse na competición masculina. 
A cita organizada polo Club Ciclista Orensano e a Fundación Ado-Moure reuniu unha espectacular participación de 316 corredores nesta modalidade de ciclismo en estrada que se celebrou nun esixente circuíto de 15 kilómetros. Os outros triunfadores da xornada foron Carlos Canal (Maceda) e Carla Fernández (Redondela) en cadetes; Iñigo Rodríguez (Redondela) e Irene Trabazo (Marín) en júniors; Martín Bouza (Supermercados Froiz en Sub-23; Alejandro Paleo (Chantadino) en Master-30; Alberto Penín (Orensano) en Master-40; e Javier de la Fuente (Betanzos) en Master-50.
O título Elite feminino resolvouse por unha diferencia mínima. No seu primeiro ano nesta categoría, Paula Sanmartín fíxose co título por cinco segundos de vantaxe respecto a María Jesús Barros (Spol-Porriño). A terceira posición, a 33” da gañadora, foi para María José Gómez (Cidade de Lugo).
“O circuíto era duro e resultaba tan decisivo o treito de subida como a posterior baixada porque era un descenso bastante técnico”, apuntou a ciclista do Bioracer, que marcou un tempo de 26 minutos e 55 segundos. A viguesa Sanmartín valorou este triunfo “como unha motivación máis para seguir adestrando. O meu próximo obxetivo será chegar en boas condicións ao campionato de España e a ver alí qué podo facer”.

Continúa a hexemonía 
Aser Estévez era o gran favorito en Elite masculino e non fallou. O corredor do Club Ciclista Rías Baixas continúa facendo historia ao sumar o seu noveno título autonómico e o cuarto de forma consecutiva en Elite. A súa vitoria foi incontestable ao ser o único participante capaz de baixar dos 21 minutos. O guardés detivo o reloxo en 20:52, rebaixando en 44” o rexistro de Justo González (Cambre) e en 1 minuto e 16 segundos o de José Luis Mariño (Supermercados Froiz).
“En comparación co ano pasado en Sandiás, que era totalmente chá, esta vez era unha crono moi completa. Tiñas que ser o máis forte para gañar”, afirmou Estévez, que nos días previos á cita inspeccionou o percorrido para definir a súa estratexia: “Optei por utilizar a  ‘cabra’ e creo que acertei. Saín bastante forte para coller velocidade no repeito inicial e mantiven unha velocidade cruceiro na subida de catro kilómetros para non ter que arriscar na baixada”. 
O seu equipo sumou dúas medallas máis en Sub-23 con Samuel Blanco, segundo, e Diego González, terceiro. O dobrete do Club Ciclista Rías Baixas impediuno Martín Bouza do Supermercados Froiz.

Cadetes e júniors
Un dos títulos das categorías de menor idade quedou na provincia de Ourense. Carlos Canal deulle a medalla de ouro ao Academia Postal-Actyon- Maceda en cadetes. No podio estivo acompañado por Adrián Giráldez (Ponteareas) e Brais Gómez (Redondela). A formación redondelana foi unha das grandes triunfadoras deste evento con dúas vitorias. A súa corredora Carla Fernández foi a máis rápida na contrarreloxo cadete feminina por diante de Alba Blanco (Barbanza) e María Correa (Rosal), mentres que Iñigo Rodríguez impúxose en junior masculino superando a José Carlos Amil (Cambre) e ao seu compañeiro Rafael Pereira (Redondela).
Outra das favoritas que non defraudou foi Irene Trabazo en junior feminino. A marinense estivo escoltada na clasificación final por dúas representantes do Cidade de Lugo: Redosinda Fernández, segunda, e Andrea Tomé, terceira.

Masters 
As categorías másters abriron a competición ás 09:30 horas cos Master-50. Javier de la Fuente non deu opción aos seus rivais. O segundo posto correspondeulle a Francisco Cantos (Bicisport) e o terceiro a Carlos Vila (Ría de Vigo). En Master-40 masculino, o anfitrión Albeto Penín subiuse ao máis alto do caixón acompañado de Francisco Javier Iglesias (Froiz) e Teófilo Iglesias (De La Fuente), segundo e terceiro respectivamente. 
O exprofesional Alejandro Paleo demostrou a súa calidade en Master-30 e mellorou os tempos de Javier Busto (Frigoríficos Bandeira), segundo, e Rubén Fernández Oliveira (Norinver), que completou o podio. A seguinte cita do ciclismo galego en estrada será  a Volta á provincia da Coruña, que se celebrará dende este venres ata o domingo. 
 

Documentos: