Pellón mantén o seu dominio no regreso da Copa Galicia de Descenso no Páramo





Modalidades: 

O calendario autonómico de Descenso reactivouse esta fin de semana para iniciar na localidade lucense do Páramo o seu intenso final da temporada. O DHG Team organizou o DH Molinos, segunda xornada puntuable da Copa Galicia desta modalidade. Entre os 80 participantes, o máis rápido foi o máster-30 Manuel Pellón (BDM Bike Club).

As chuvias, intensas o sábado na primeira xornada de adestramentos e puntuais durante o domingo, non impediron que moitos dos participantes “romperan” o crono para despuntar con baixadas vertixinosas por trialeiras, saltos, mesetas e peraltes de terra.

Pellón, dominador da primeira proba da Copa celebrada en Marín, impúxose nesta ocasión por un segundo de diferenza  ao elite Marco Veiga (Ciclos Quintena) na clasificación scratch. A terceira praza ocupouna o máster-30 local Iván Mourelo (DH Galicia)

Entre as mulleres, Estefanía Cabarcos (BDM Bike ) encabezou a táboa seguida da cadete Uxía Alvarez (Coruxo) e da elite Gemma Chapela (Kamikazes), segunda e terceira respectivamente. 

No resto de categorías subiron ao máis alto do podio Borja Fernández (Coruxo) nos cadetes, Marco Martínez (Corbelo) nos juniors, Kevin Méndez (Rocasport) nos sub23, Jose Montenegro (Moto Bike) nos máster-40  e Alejandro Gestal (Ciclos Quintena) na modalidade de Enduro.

Rankings axustados

A Copa Galicia saíu do Páramo con tres novos líderes. Esteban Paz (VK Bikes) cedeu nos elites a primeira praza que agora pertence a Abel Rial (Compostelano) empatado a 240 puntos con Segio Peleteiro (Turoqua). A igualdade tamén é máxima nos sub23. Kevin Méndez situouse ao fronte da xeral con 280 puntos, os mesmos que Alejandro Paz (Compostelano). 

O terceiro cambio no máis alto das clasificacións produciuse nos juniors. Senén Bastos (Avanza) subiu da cuarta á primeira posición, ao non desperdiciar a ausencia do anterior líder Mario Fernández (O Rosal) e de Jorge López (DH Galicia), terceiro, e a caída que sufriu durante esta competición Óscar Caride, que chegaba segundo. O rider do MR Bikes non puido rematar a quenda final. 

Fernández nos cadetes, Cabarcos nas mulleres, Pellón nos máster-30, Miguel Ángel Pintos (Traviesas) e Manuel Paz (Compostelano) nos máster-50 conservan os seus maillots de líderes nas súas categorías. 

A entrega de premios contou coa presenza de Benjamín García, concelleiro de Deportes do Páramo; Ana Castaño, concelleira de Xuventude e Tempo Libre; Óscar Sánchez, directivo da Federación Galega de Ciclismo; e os representantes do DHG Team David Gómez, Iván Mourelo e Manuel Sánchez. A organización quixo agradecer a participación e apoio de todos os clubes que se achegaron ata a carreira, o concello do Páramo, a Deputación de Lugo e a todos os patrocinadores.

A última proba puntuable do certame autonómico será o Campionato de Galicia do 6 de outubro no municipio ourensán de Xunqueira de Espadanedo. 

Fonte e foto: DHG Team

 

 

Documentos: