A pista de ciclismo de Betanzos levará o nome de Jose García Varela 'Ventosa'





Tema: 

Este sábado, 16 de Novembro, o Concello de Betanzos organizará na pista de ciclismo que rodea o campo de futbol do García Hermanos un acto no que á devandita pista váiselle dar o nome de Jose Garcia Varela 'Ventosa', autentico alma máter do ciclismo en Betanzos.

Impulsor deste deporte nesta localidade coruñesa fai xa case 40 anos, en 1980 fundou xunto con outros directivos o CLUB CICLISTA BETANZOS, e durante moitos anos foi, ademais de directivo, a persoa encargada de ir ás competicións cos deportista do club e organizar os seus adestramentos. Daqueles anos veñen as épocas gloriosas a nivel deportivo dun Club con multitude de títulos galegos e estatais.

Na actualidade, 'Ventosa' é o SOCIO DE HONRA do CCB e segue participando activamente da actividade social que organiza esta entidade betanceira.

"Aos seus 76 anos aínda o vemos a diario subido á bici dando pedais", sinalan dende o CCB e engaden que "para nós é toda unha honra que a pista de ciclismo que rodea o García Hermanos, o Velódromo, como aquí lle chamamos, leve por fin o seu nome. No seu día, e estando na directiva do Club Ciclista Betanzos, foron ao concello para propoñer que se fixese dita pista aproveitando a obra de construción do campo de fútbol. A día de hoxe segue sendo utilizada por multitude de ciclistas".