Poker de galegos para o Mundial de Btt





Galicia estará representada por catro ciclistas nos próximos Campionatos do Mundo de Btt XCO e DHI que se celebrarán na localidade suíza de Lenzerheide (Suíza) do 5 ao 9 de setembro. O seleccionador nacional, Cristóbal Sánchez, convocou para esta cita ó corredor elite Pablo Rodríguez (MMR) e os junior Carlos Canal (Maceda) e Adrián Barros (Ponteareas) que participarán na proba de campo a través distancia olímpica (XCO).

Rodríguez formará no cuarteto nacional con Carlos Coloma, David Valero e Sergio Mantecón. O seu obxectivo será poñer un bo peche á tempada e poder desquitarse da picada sufrida e que lle obrigou a retirarse no europeo cando vestiu por última vez as cores de España. A próba elite celebrarase o sábado 8 desde as 15:30 horas

Carlos Canal (Maceda) e Adrián Barros (Ponteareas) foron dous alicerces fixos do equipo junior español. O vigués acode a Suíza tras gañar o pasado Díptico de Galicia na estrada e coa referencia do seu 27º posto (mellor español) nos últimos Campionatos de Europa celebrados o pasado mes de xullo en Austria. Pola súa banda, o de Xinzo leva un mes de agosto de preparación para afrontar con garantías este fin de tempada. A súa actuación con España nos pasados europeos estivo marcada por unha avaría e pola calor o que lle relegou ao posto 30 despois de ir boa parte da proba no grupo de cabeza. A súa última carreira disputada foi na Copa de Francia de Lles Menuires na que logrou concluír no posto 11º. Os junior competirán o xoves 6 de setembro a partir das 16:30 horas.

O cuarto galego convocado é Angel Suárez que tomará parte na proba de descenso. Suárez está a ter un gran final de ano con bos resultados a nivel internacional como o seu top ten, 9º, en Saint Anne (Canada), o 14º logrado na última Copa do Mundo celebrada na Bresse (Francia) e 13º en Vallnord (Andorra). O vigués estará acompañado no equipo por Alex Marín, Carlos Langelaan e Edgar Carballo. Para os pilotos de descenso as clasificatorias iniciaranse o día 7 estando previstas as finais a partir das 14:30 horas do domingo 9.

Tanto as próbas elite masculina como o descenso masculino serán emitidos en directo pola tv suíza pero non as probas junior.