Ponteceso, Curtis e Cariño acollerán esta fin de semana a 17ª edición da Volta Ciclista á Provincia da Coruña





Tema: 

O deputado de Deportes e o presidente da Federación Galega de Ciclismo asinaron hoxe o convenio

Os concellos de Ponteceso, Curtis e Cariño serán este ano as sedes centrais da 17ª edición da Volta Ciclista á Provincia da Coruña, que se disputará entre os días 1 e 3 de xuño e contará coa participación de máis dun centenar de ciclistas das categorías Élite e Sub-23, nas que se forxan as novas promesas desta disciplina deportiva antes de chegar ao ámbito profesional.

O deputado responsable da área de Deportes, José García Liñares, e o presidente da Federación Galega de Ciclismo, Juan Carlos Muñiz, asinaron esta mañá na sede da institución provincial o convenio a través do cal a Deputación achegará 86.500 €, o 80% do orzamento total deste evento deportivo.

Etapas da Volta

Nesta 17ª edición da Volta participarán un total de 17 equipos de Asturias, Tenerife, Madrid, Extremadura, Cantabria, Castela-León, Galicia e Portugal.

A proba comezará o 1 de xuño en Ponteceso, cun percorrido de 150 quilómetros que pasará por A Campara, Pazos, A Bugalleira, Tella, Neaño, Cesullas, O Allo, Baio, Zas, o alto de San Roque, Santa Comba, Pino do Val, Paxareiras, O Pindo, O Ézaro (con subida ao mirador), Hospital, Dumbría, Vimianzo e regreso a Ponteceso.

O 2 de xuño a etapa da Volta partirá de Curtis, dende onde se realizará un percorrido de 133 quilómetros que pasará por Teixeiro, A Castellana, Montesalgueiro, Arceo, A Gándara (Boimorto), Arzúa, Melide, Pontepedra e Sobrado dos Monxes para volver a Curtis.

A derradeira etapa, de 125 quilómetros, disputarase o 3 de xuño sairá do porto de Cariño e pasará por Ortigueira, Espasante, Loiba, O Barqueiro, A Faladoira, San Claudio, Ponte Mera, Felgosas, Campelo, Cedeira, Pontigas e Garita da Herbeira para rematar de novo na Avenida da Constitución de Cariño.

Fonte: Deputación da Coruña