Pontevedra, Iván Feijoo e Discamino, grandes protagonistas na Gala do Ciclismo Galego





Tema: 

O ciclismo autonómico escenificou o pasado sábado no Teatro Principal de Pontevedra os éxitos dunha temporada para o recordo. A Federación Galega de Ciclismo (FGC) celebrou a súa Gala anual entregando preto de 150 galardóns polos resultados obtidos no 2019 e no arranque do 2020. A nómina de homenaxeados completouse coas oito Mencións Especiais outorgadas a figuras deste deporte e a entidades especialmente comprometidas co mundo da bicicleta.

O Servizo Municipal de Deportes do Concello de Pontevedra recibiu a distinción polo seu apoio aos eventos promovidos pola FGC. A ese recoñecemento houbo que engadir a mención especial concedida á anterior edil de Deportes, Anxos Riveiro, pola promoción realizada do ciclismo.

A cidade do Lérez acolleu nos dous últimos anos o Campionato de España de Ciclocrós e unha proba da Copa de España desta modalidade. Nesas citas un dos grandes triunfadores foi Iván Feijoo. O corredor de Allariz regresou desta vez a Pontevedra para recoller o premio como mellor ciclista galego a nivel internacional durante a pasada campaña. O vixente campión de España Sub-23 acadou a sexta praza no Mundial 2020 celebrado en Suíza a principios de febreiro.

Outra das grandes ovacións da noite estivo dedicada aos membros de Discamino. O xurado da Gala quixo poñer en valor o traballo realizado por esta asociación a prol da inclusión no ciclismo das persoas con capacidades diferentes.

O capítulo de Mencións Especiais tamén tivo como protagonista ao Grupo Deportivo Supermercados Froiz, mellor equipo autonómico Elite e Sub-23 no ranking da Real Federación Española de Ciclismo. Polas súas dilatadas e brillantes traxectorias neste deporte os recoñecementos recaeron no vigués Antonio Pérez Dacosta, especialista do BTT en Enduro e Descenso recentemente retirado da competición, e no xuíz árbitro Antonio Hermida Carou ‘Tucho’. Por último, no apartado de comunicación foi galardoada a emisora Radio Marca Vigo.

Diplomas

O acto presentado polo televisivo Terio Carrera e amenizado co humor de Federico Pérez e a música do grupo Chroma festexou os 82 postos de podio asinados polos galegos ao longo do último ano nos Campionatos, Copas e Opens de España.

Moitos dos artífices desa histórica colleita de medallas repetiron presenza no escenario para recoller os diplomas como gañadores nos rankings da FGC 2019. En total, 65 ciclistas foron coroados como dominadores do último exercicio a nivel autonómico nas modalidades de BTT-Descenso, BTT-Enduro, BTT-Cross Country Olímpico, BTT-Cross Country Maratón, Ciclocrós e Estrada.

No reparto de todos estes premios participaron ilustres ciclistas como Gustavo César Veloso, corredor profesional do W-52 Porto, e a exbiker Eva Castro, xunto ás autoridades que acudiron ao evento: Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra; Gorka Gómez, deputado provincial de Deportes da Deputación de Pontevedra; Alfonso Rueda, vicepresidente da Xunta de Galicia; Daniel Benavides, xefe do servizo provincial de Deportes da Xunta de Galicia en Pontevedra; Gregorio Agís, deputado provincial da Deputación de Pontevedra; Antonio Traba, concelleiro de Deportes de Marín; Francisco Javier Molano Martín, Tenente Coronel da Garda Civil; Juan José López Castro, Tenente do Subsector de Pontevedra da Garda Civil; Manuel Tanoira, xefe de ventas de Toyota Compostela Móvil; José Álvarez, responsable do Manzaneda Bike Park; Juan Carlos Muñiz, presidente da FGC, e os directivos da federación autonómica Javier Cajiao e Óscar Sánchez.

Foto: PuroCiclismo