#PorUnaLeyJusta xa é unha realidade





Tema: 

As Cortes Xerais aprobaron definitivamente este mércores a proposición de lei de modificación do Código penal en materia de imprudencia na condución de vehículos a motor ou ciclomotor e sanción do abandono do lugar do accidente.

Tras a longa loita de Anna González e o colectivo ciclista, entre os que se inclúe a Real Federación Española de Ciclismo e a Federación Galega de Ciclismo, a proposta de lei foi aprobada cunha votación na que se contaron 222 votos a favor e 17 en contra.

O intenso traballo de González arrincou en 2013, cando perdía ao seu marido, Óscar, atropelado cando ía en bicicleta, co condutor dándose á fuga tras o sucedido. O movemento, apoiado ademais pola firma de máis de 326.000 cidadáns, xa é unha realidade como lei e contemplará aumentar as penas por atropelos, tipificando o delito de omisión de socorro para quen fuxa tras causar lesións ou morte a ocupantes das vías públicas e estradas.

Ademais, endurece as sancións e crea o delito de abandono do lugar do accidente, que pode comportar penas de entre 2 a 4 anos de prisión.

O consumo de drogas, alcol, ou o exceso de velocidade constituirán tamén delitos de seguridade viaria, con penas de ata catro anos en caso dun falecido e dun ano se hai lesións. A imprudencia grave pode chegar a nove anos de prisión se hai máis dun falecido, aínda que a lei non especifica o número e deixa a pena na interpretación do maxistrado.

Anna González referíase á noticia feliz tras unha ardua batalla: "Cando vin o panel do Senado en verde foi como entrar nunha meta ciclista”.