Presentación da XVI Volta a Galicia





Tema: 

 A XVI Volta a Galicia percorrerá a nosa xeografía do 14 ao 17 deste mes, con catro etapas que transitarán por Monforte, Lalín e Santiago de Compostela. A cita servirá como homenaxe a Óscar Pereiro, campión do Tour de Francia na edición de 2006

A secretaria xeral para o Deporte, Marta Míguez, participou na presentación desta proba e na súa intervención destacou que “ciclismo e Galicia sempre estiveron intimamente unidos” xa que “hai 130 anos que Vigo acollía a primeira competición ciclista na nosa terra”. Tras salientar a importancia da presencia de Galicia nas etapas da Volta a España e lembrar o pasado exitoso do equipo Xacobeo Galicia, Marta Míguez destacou a Volta a Galicia como “unha competición tradicional, profesional, experimentada, atractiva, apaixonante e sobre todo, 100% galega”.

Deste xeito, a responsable do deporte na nosa Comunidade gabou unha proba “que naceu en 1933 e que xa se quedou para sempre no calendario deportivo de Galicia”. “Hoxe, 84 anos despois de que Salvador Cardona se alzara co trofeo da primeira Volta a Galicia, a nosa competición favorita prepárase para unha nova edición que superará todas as expectativas”, engadiu.

Marta Míguez falou do apoio da Xunta de Galicia ao ciclismo e informou que a Secretaría Xeral para o Deporte “subvenciona a 166 equipos de alta competición, entre os cales hai 6 de ciclismo”.

Ademais, segundo a Proposición non de Lei aprobada o pasado 11 de xullo polo Pleno do Parlamento de Galicia sobre a demanda ao Goberno de España de medidas que contribúan a garantir a seguridade viaria dos ciclistas, a Xunta de Galicia está a dar traslado ás institucións correspondentes deste acordo que inclúe propostas como a reforma do código penal, unha maior control e sinalización nas estradas e a realización de campañas de sensibilización. “A consideración e a concienciación acerca da importancia do ciclismo, como deporte ou como actividade, debe ser compartida por todos os cidadáns e cidadás, así como por todas as entidades, organizacións e administracións que coas súas medidas melloren a situación dos ciclistas e contribúan á protección deste colectivo formado por milleiros de persoas”, dixo.

Neste acto tamén participaron o alcalde de Monforte, José Tomé; o alcalde de Lalín, Rafael Cuíña; o deputado de Deportes da Deputación de Lugo, Pablo Rivera; o concelleiro de Deportes de Monforte, Pablo Rivera; o presidente da Federación Galega de Ciclismo (FGC), Juan Carlos Muñiz; e o técnico da FGC, Guillermo Sande, entre outras autoridades.

Catro etapas

A presente edición da Volta a Galicia constará de catro etapas, comezando o día 14 de setembro cunha contrarreloxo por equipos. Monforte de Lemos será o escenario da loita contra o crono, inaugurando a Volta. As escuadras afrontarán un percorrido de 10,2 quilómetros, con saída ás 19.00 horas. A segunda etapa tamén transucrrirá por Monforte, cun traxecto de 143,1 quilómetros e saída ás 13.00 horas.

Lalín será escenario, un día despois, da terceira etapa, na que os ciclistas deberán completar 137 quilómetros desde as 13.30 horas. A última e definitiva tirada decidirase en Santiago de Compostela. Ás 10.00 horas, o pelotón sairá desde a avenida Xoan Carlos I para percorrer 130 quilómetros. O percorrido desta Volta destaca pola presenza de etapas montañosas.

Dezaoito equipos

O pelotón desta rolda elite e sub23  estará formado por dezaoito equipos de Galicia, Asturias, Madrid, Cantabria, Estremadura, País Vasco, León, Valencia, Portugal e Francia.A nómina de conxuntos galegos estará formada por: Autronic-Club Ciclista Vigués, Cambre-Renault Caeiro, Club Ciclista Rías Baixas, Cortizo - Anova de Padrón, Spol-Concello do Porriño, Supermercados Froiz e Team Guerciotti.

A estas formacións hai que engadir os asturianos Kuota-Construcciones Paulino; os madrileños RH Polartec-Fundación Contador; os cántabros Gomur-Liebana2017-Ferroatlántica e Aldro; os extremeños Bicicletas Rodríguez Extremadura; os vascos Fundación Euskadi, os leoneses Diputación De León - Arte En Transfer, e os valencianos Gsport Valencia – Wolfbike.
O carácter internacional desta rolda outorgaranllo dúas formacións portuguesas: O Liberty Seguros-Carglass e o Moreira Congelados-Feira-Bicicletas Andrade; e o equipo francés Delko - La Pomme Marseille.