Previa da Selección de Galicia TR, XCE e XCO para os Campionatos de España de Cofrentes





Este venres póñense en marcha en Cofrentes (Valencia) os Campionatos de España de BTT nas súas disciplinas de cross country olímpico (XCO), eliminator (XCE) e team relay. A Selección de Galicia viaxa a esta cita con varias opcións firmes de medalla. O ano pasado, no inesquecible campionato que tivo como escenario Maceda, o combinado autonómico acumulara catro presenzas no podio.

A convocatoria da Federación Galega de Ciclismo intégrana nove bikers. Os juniors Iván Feijoo (Academia Postal - Actyon - MMR) e Adrián Barros (Coruxo), as juniors Alba Arias (Arteixo - MB3) e Sara García (Del Mar de Mugardos), o sub23 Samuel González (Salvaterra), a sub23 Irene Trabazo (Marín - Ottoman), os elites Manuel Ángel Parada (Barbanzabike) e Saúl López (Academia Postal - Actyon - MMR), e o máster-40 Alejandro Trasbach (Racing Cycling) participarán nas carreiras de XCO. 

O cuarteto que representará a Galicia na proba team relay de relevos por seleccións autonómicas estará formado por Feijoo, González, Trabazo e Parada, mentres que Parada e González tamén disputarán o eliminator. 

O programa de competición arrancará o venres ás 18:00 horas coa carreira team relay. O conxunto galego fíxose coa prata no 2016 por detrás de Catalunya, que volve ser a gran favorita. O sábado pola mañá chegará o momento para as probas de XCO masters e sub23 masculina. Pola tarde terá lugar o eliminator e o domingo clausuraranse estes campionatos coas competicións de XCO juniors, femininas e elite.

O circuíto de cross country en Confrentes é de aproximadamente 5 quilómetros. O seu deseño cumpre coas novas tendencias nas carreiras do máis alto nivel mundial, subidas curtas e explosivas, moitos obstáculos artificiais e gran variedade de puntos de visualización da carreira.