Rubén Fernández abriu a Copa Galicia Máster repetindo triunfo no Memorial Fernando Abad





Modalidades: 

Por segundo ano consecutivo Rubén Fernández (Norinver) inscribiu o seu nome no palmarés do Memorial Fernando Abad. A cuarta edición da proba adicada a quen foi presidente do Tambre Bike estreou o pasado domingo o calendario da Copa Galicia de Estrada Máster 2019 e reuniu no municipio coruñés de Oroso a 175 corredores. 

Despois de 80 kilómetros percorrendo os concellos de Ordes, Trazo e Tordoia, a carreira resolveuse cun man a man nas rúas de Sigüeiro. O máster-40 Fernández e o máster-30 Javier Freire (O Pino Montaevai) xogáronse a vitoria ao esprint con triunfo para o ciclista do Norinver. A sete segundos dos dous primeiros remataron os masters-30 Iván Villar (Villaviciosa) e Iván Vidal (Máster da Louriña), terceiro e cuarto respectivamente. O gañador máster-50 foi Manuel Vázquez (Norinver), que cruzou a liña de meta a 1 minuto e 14 segundos do seu compañeiro de equipo. 

O júnior Manuel Rodríguez (Ponteareas) tamén subiu ao máis alto de podio como vencedor da súa categoría nunha entrega de trofeos na que participaron Manolo Mirás, alcalde de Oroso, e Luis Rey, concelleiro de Deportes. Os dous representantes do municipio anfitrión destacaron "o bo ambiente e a calidade dunha proba que se consolida e serve para homenaxear a unha gran persoa, Fernando Abad”. 

A Copa Galicia de Estrada Máster celebrará a súa segunda xornada o domingo 7 de abril na localidade pontevedresa da Estrada.

 

Foto: Concello de Oroso  

Documentos: