Samuel Blanco e María Jesús Barros reinan no Campionato de Galicia CRI en As Pontes





Modalidades: 

O ciclismo galego estreou en As Pontes o seu calendario de campionatos autonómicos do 2019 repartindo dezaseis títulos na modalidade de contra o reloxo individual. Cun récord de inscritos de 300 corredores, dous ciclistas do sur da provincia de Pontevedra foron os grandes dominadores en territorio coruñés. Samuel Blanco (Vigo-Rías Baixas) e María Jesús Barros (Spol), ambos da categoría Elite, impuxeron a súa lei nun percorrido de 23 quilómetros deseñado polo club organizador As Pontes-Vilalba.

A chuvia engadiu maior dificultade ao circuíto con saída e chegada en Praia Lago. No momento máis adverso da xornada, coa sarabia facendo acto de presenza, Blanco rodou marcando o mellor tempo de todos os participantes. O redondelán do Vigo-Rías Baixas acadou a súa primeira coroa elite nesta disciplina detendo o reloxo en 29 minutos e 31 segundos. Un rexistro ao que non puideron respostar o segundo clasificado na súa categoría, Óscar González (Supermercados Froiz), que rematou a 19”, nin o once veces campión autonómico Aser Estévez (Ciclismo Oiense), que finalizou como terceiro elite a 43” do gañador.

Ao crono marcado por Blanco so se achegaron os dous primeiros sub23. Diego González (Supermercados Froiz) triunfou no seu grupo de idade cunha marca de 29:34 e un segundo máis inverteu o seu compañeiro de equipo Guillermo García. A terceira praza nesta categoría correspondeulle a Raúl González (Aluminios Cortizo).

Tamén por unha diferenza mínima resolveuse a proba elite feminina. Barros revalidou a súa hexemonía completando o esixente trazado en 36 minutos e 14 segundos, rebaixando en 1” o resultado de Aida García (Ciclismo-Triatlon Poio). Diana Pedrosa (Aleata-Farto) fíxose co bronce.

Na clasificación sub23 o conxunto do Aleata-Farto asinou un dobrete. Venceu María Correa, cun crono de 41:31, sendo 40” máis rápida que Andrea Tomé. Elsa Portela (Club Ciclista Vigués) acompañounas no podio.

 

Exitosas defensas

As coroas juniors non cambiaron de propietarios. Brais Gómez (Ponteareas) e Carla Fernández (Río Miera) repetiron con solvencia os seus éxitos do 2018. Tampouco puideron desbancar as master-30 á defensora do título, a Lydia Adelyn (2.0 Sport Team).

Polo contrario, tres campións masters do pasado ano tiveron que conformarse nesta ocasión coa segunda praza. Justo González (MTC) superou a Iago Alonso (Chantadino) nos máster-30, Rubén Fernández (Norinver) bateu ao seu compañeiro de equipo Eduardo Tajes nos máster-40 e Isabel Picoaga (7 Voltas) adxudicouse a vitoria máster-40 por diante de María Gestal (Monte Xalo). En canto aos máster-50, Alfonso Fernández outorgoulle a vitoria á estrutura do Orensano.

O capítulo de gañadores máster completouno Manuel Prieto (Norinver) nos maiores de 60 anos. Esta categoría formou parte do primeiro bloque de saídas, no que os participantes mediron forzas sobre 12 quilómetros. Nesta mesma distancia, Breogán Diz (Alumios Cortizo) e Carla Montoiro (Negreira) proclamáronse campións cadetes.

 

Ciclismo adaptado

Por segundo ano consecutivos os corredores de handbike encargáronse de abrir o programa desta cita autonómica. Os paraciclistas do Riazor ocuparon a primeira posición nas dúas clasificacións absolutas de ciclismo adaptado. Nos 12 quilómetros de percorrido Iván Montero e Mila López demostraron a súa condición de recentes medallistas nos campionatos de España.

A xornada pechouse cunha entrega de premios que conta coa presenza de Chicho Tembrás, concelleiro de Deportes de As Pontes; Marcos Fernández, presidente do As Pontes-Vilalba; e Juan Carlos Muñiz, presidente da Federación Galega de Ciclismo. O vindeiro campionato autonómico disputarase este domingo no concello ourensán de Cenlle, cos títulos Elite e Sub23 masculinos de estrada en xogo no percorrido da Volta ao Ribeiro.

 

Foto: Quadra Producións 

Documentos: