Samuel González e Irene Trabazo dominaron de principio a fin na apertura da Copa Galicia de Ciclocross en Marín





Modalidades: 

Cun gran dato de participación, superando os 260 corredores, e cunhas temperaturas nada habituais nesta modalidade, a Copa Galicia de Ciclocross púxose en marcha co XV Trofeo Ría de Marín. No ten chovido e polo tanto non hai barro, así que a calor e o po marcaron unha cita na que dous corredores sub23 exhibiron o seu potencial. Samuel González (Salvaterra de Miño) e Irene Trabazo (Marín-Ottoman) impuxéronse con solvencia nas probas raíñas celebradas no circuíto de Chan de Gagán.

Fabián Rodríguez (Cambre-Caeiro) e Noela Saa (Academia Postal-Actyon-Maceda) en cadetes, Jorge Suárez (Cidade de Lugo - Esturión) e Jessica Costa (ASC) en juniors, Adrian Valverde (Club Ciclista Rías Baixas) e Isabel Castro (Condado Bike) en elites, Juan José Chapela (Master Morrazo) nos masters-30, Xacob Agra (Master da Louriña) nos masters-40 e Marcial Rodríguez (Quebici-Marcisport) nos masters-50/60 completaron o cadro de gañadores desta primeira xornada puntuable para o certame autonómico. 

No evento organizado polo seu clube, Irene Trabazo non deu opcións na carreira elite e sub23 a Isabel Castro, vencedora a pasada campaña da clasificación xeral da Copa Galicia. A representante do Marín-Ottoman abriu oco dende as primeiras pedaladas e con dous minutos de vantaxe presentouse na liña de meta. Castro rematou segunda e a 08:41 da primeira clasificada finalizou a sub23 Sara Trigo (Salvaterra).

Autoridade e remonta

Na competición elite e sub23 masculina houbo dúas carreiras dentro da mesma proba. O defensor do título Samuel González situouse na primeira posición dende o bandeirazo inicial e xa non a abandonou. A emoción centrouse en ver quen se facía coa segunda praza, unha pugna na que o vixente campión de España junior Iván Feijoo (Academia Postal-Actyon-Maceda) protagonizou unha espectacular remonta no seu debut na categoría raíña. 

Adrian Valverde, primeiro na compañía de Darío Otero (Compostelano) e máis tarde con Óscar Vázquez (OVCBikes) como principal ameaza, rodou ata a penúltima volta no segundo posto. Mentres por diante González administraba a súa renda superior ao minuto, dende atrás emerxeu a figura de Feijoo. O ciclista sub23 de Allariz foi adiantando rivais dende a novena posición ata alcanzar a Valverde, a quen soltou de roda antes do inicio da última volta

"Intentei manter unha diferencia de 30 segundos respecto a Iván, que viña forte e recortando", sinalou González, que levantou os brazos cun tempo de 54:17. A 34" do corredor vigués do Salvaterra entrou Feijoo e Valverde fíxoo a 1:13, terminando como primeiro elite. Tras este triunfo, nos plans de González non está defender o maillot de líder da Copa Galicia na vindeira xornada porque "este ano vou saír ao estranxeiro para correr varias probas da Copa do Mundo e dentro de dúas semanas competirei en Bélxica".

No resto de carreiras que se disputaron no trazado de Chan de Gagán sobresaíu pola igualdade que mantivo ata o final a competición master-40. Xacob Agra e Manuel Armada xogáronse o triunfo ao sprint, cunha vitoria moi axustada do representante do Master da Louriña. Tampouco se coñeceu ata os últimos metros ao gañador cadete masculino. Fabián Rodríguez impúxose co mesmo tempo que Miguel Rodríguez (Ponteareas) e a 9" deles concluíu Zoe del Río (Marín-Ottoman).

Na entrega de premios tamén se repartiron os primeiros maillots de líder da Copa Galicia. Neste acto estiveron presentes Manuel Santos, tenente alcalde de Marín; Carmén López, da Comunidade de Montes de Santo Tóme de Piñeiro; Juan Carlos Ruibal, presidente do Club Ciclista Marín-Ottoman; e Juan Carlos Muñiz, presidente da Federación Galega de Ciclismo. O certame autonómico de ciclocross, que esta campaña consta de catorce xornadas puntuables, regresará o sábado 21 de outubro no circuíto ferrolán do Val de Esmelle. 

 

Documentos: