Samuel González voou no bautizo da Copa Galicia XCO en Poio





O circuíto de Samieira é tan coñecido polas súas subidas como polos seus descensos, e tanto costa arriba como para abaixo Samuel González voou no X Open XCO Concello de Poio. O sub23 do Salvaterra impúxose con total autoridade na carreira raíña da primeira proba puntuable da Copa Galicia de Cross Country Olímpico (XCO). O certame que se estrea esta campaña no calendario autonómico reuniu a 135 bikers no seu bautizo.

Os outros grandes triunfadores do evento organizado polo Club Ciclismo Triatlon Poio foron o Coruxo e o Academia Postal – Actyon – MMR. Os vigueses asinaron un dobrete coas vitorias de Adrián Barros nos juniors e de Jorge Fernández nos cadetes. Nestas dúas categorías, pero na competición feminina, o Maceda venceu coa júnior Andrea García e coa cadete Noela Saa.

O cadro de gañadores completárono Jorge Punzón (Prebetong) nos elites, Irene Trabazo (Marín) nas sub23, Manuel Ángel Parada (Rsbike) nos masters-30, Alejandro Trasbach (Racing Cycling) nos masters-40 e Manuel Castro (Barbanza Bike) nos masters 50-60.

Para dar a benvida á Copa Galicia, o percorrido por Samieira presentou varias novidades respecto a edicións anteriores. “Sempre é un circuíto bastante longo e esta vez aínda o fixeron un pouco máis coa volta ao campo”, valorou Samuel González, que gozou sobre a bicicleta neste trazado de 6,2 quilómetros de lonxitude: “Estivo entretido porque tiña un pouco de barro, nun punto que me gustou moito”.

O vigués do Salvaterra colleu a roda de Alberto Pedreira (Bici Verde) na subida inicial e a partir do primeiro treito chairo asumiu o mando da carreira Elite e Sub23 para marcharse en solitario. Grazas á regularidade do seu ritmo non deixou de aumentar as diferencias ata que cruzou a liña de meta detendo o cronómetro en 1 hora 33 minutos e 23 segundos.  

 “Fixen un tempo similar nas cinco voltas e estou contento coas sensacións. Agora o meu seguinte obxetivo é a vindeira fin de semana a Superprestigio de Arnedo”, indicou o triunfador absoluto e sub23. A segunda praza e a vitoria en elite correspondeulle a Punzón, que finalizou a 3:17 de González, e o tamén elite Daniel Rodríguez (Québici-Marcisport) terminou terceiro, a 4:53 do gañador.

A entrega de premios, na que se impuxeron os primeiros maillots de líderes da Copa Galicia XCO, contou coa presenza de Marga Caldas, concelleira de Deportes de Poio; de Esteban Lorenzo, directivo da Federación Galega de Ciclismo; e de representantes do Club Ciclismo Triatlón Poio. A vindeira cita deste certame será o vindeiro 1 de maio o Trofeo BTT de Rallie Cidade de Ferrol, a súa vez puntuable para o Circuíto Deputación da Coruña de BTT-XCO.

Foto: Fotocarlosgrafias

Documentos: