Santos Lemos e a Baixomiño Experience estreáronse ao grande na Copa Galicia de Enduro





Modalidades: 

Dobre bautizo soñado na terceira e penúltima xornada da Copa Galicia de Enduro. Os montes de A Guarda acolleron o pasado domingo a primeira edición da Baixomiño Experience, un evento promovido polo clube ciclista In Situ e que resultou un éxito organizativo con 198 participantes en liza. Entre todos estes riders o máis rápido foi o máster-30 Santos Lemos (Grupeta Pan de Zarko), quen nunca antes acadara o triunfo absoluto nunha proba do calendario autonómico. 

Galicia é unha referencia desta modalidade en España e varios dos seus representantes máis destacados puxeron de manifesto o seu nivel no sur da provincia de Pontevedra. O júnior Mario Fernández (O Rosal) clasificouse segundo, outro habitual dos podios estatais como é o máster-40 Tony Pérez (Condado Bike) finalizou terceiro e a súa compañeira de equipo Desiree Duarte asinou un crono que estivo entre os 35 mellores da clasificación scratch. A nómina de gañadores completárona o cadete Zoe del Río (Marín), o sub23 Nicolás Carrera (Bike Comp), o elite Pablo Míguez (Bici O Con), o máster-50 José Carlos Táboas (Québici-Marcisport), o amateur José Manuel Fernández e na competición de E-Bikes gañou Javier Vara (+Enduro).

Cunha gran presenza de voluntarios, e un sensacional ambiente de Enduro, os responsables da Baixomiño Experience coidaron todos os aspectos técnicos do percorrido. Os corredores remataron moi satisfeitos por terse atopado uns treitos moi traballados. Nos tres primeiros as chuvias dos días anteriores non impediron que o agarre fose bo. Porén, as precipitacións fixeron acto de presenza no cuarto parcial complicando o terreo e no quinto os riders xa tiveron que moverse sobre un lameiro. 

A todas estas circunstancias soubo adaptarse mellor que ninguén Lemos. Non deu opcións aos seus rivais marcando a pauta nos catro primeiros tramos e sendo segundo no último. A súa vantaxe final de 20 segundos sobre Fernández reflicte a súa superioridade. "Reservei no último parcial porque había bastante lama e tiña que asegurar a vitoria. Gocei co circuíto e coas vistas, malia que nos acompañaron as nubes", sinalou o representante do Pan de Zarko. 

Dous novos líderes

O triunfador absoluto consolidou o seu primeiro posto no ránking máster-30. No resto de categorías producíronse dous cambios de líderes. Del Río asaltou a primeira praza nos cadetes e o local Jonathan Sousa (In Situ) domina agora a táboa dos elites.

Fernández nos juniors, Carrera e Duarte en sub23, Gabriela Ferraz (Terras de Bouro) nas elites, Isabel Castro (Condado Bike) nas masters, Pérez nos masters-40 e Táboas nos masters-50 mantéñense ao fronte das súas clasificacións e defenderán a súa privilexiada situación na despedida da Copa: a Montefaro Enduro Race do 19 de maio no municipio coruñés de Mugardos. Esta cita tamén será puntuable para o Open de España.  

O estreo da Baixomiño Experience pechouse coa cerimonia de entrega de premios e maillots á que asistiron Antonio Lomba, alcalde de A Guarda; Xavier Crespo, concelleiro de Deportes; Raúl Fernández, do clube organizador In Situ; e Esteban Lorenzo, tesoureiro da Federación Galega de Ciclismo.