Saúl López bate a Pablo Álvarez no IV XCO Caimanes Betanzos da Copa Galicia





Na cuarta xornada da Copa Galicia de Cross Country Olímpico (XCO) viviuse este sábado un dos duelos máis emocionantes do que vai de temporada. Houbo que esperar ata a última volta da carreira raíña masculina para que se decantara o pulso entre o elite Saúl López (Academia Postal – Maceda) e o sub23 Pablo Álvarez (Cambre). Finalmente, o triunfo no IV XCO Caimanes Betanzos correspondeu ao representante da estructura ourensá.

Ao palmarés desta cita, que reuniu a 135 bikers no concello coruñés de Coirós, tamén engadiron o seu nome Laura Capa (Aleata-Farto) e Miguel Rodríguez (Ponteareas) en cadetes, Andrea García (Academia Postal – Maceda) e Jorge Fernández (Ponteareas) en juniors, a sub23 Zaida González (O Rosal), a elite Nuria Senra (Eskornabois), o máster-30 Diego Rey (Tambre Bike), o máster-40 Marcos Mayo (Noela) e o máster-50 Carlos Otero (BTT Fene).

O Caimanes demostrou o seu saber facer como organizador e a entidade de Betanzos volveu apostar por un circuíto espectacular. “É moi moderno, dos que se fan agora, con subidas curtas e explosivas”, apuntou Saúl López sobre o trazado. Nun escenario que lle viña como anel ao dedo, o ourensán tivo que sufrir para sumar a súa segunda vitoria consecutiva neste certame autonómico.

O corredor do Maceda e Pablo Álvarez aproveitaron a dureza do percorrido para abrir oco. O seu man a man viuse interrumpido por un problema mecánico do biker do Cambre. “Fóiseme 20 segundos e inesperadamente volvino coller”, sinalou o coruñés, que acabou pagando o esforzo na última volta: “Apertoume e non puiden máis”.

Cun tempo de 1:20:27, López venceu con 25 segundos de vantaxe. “Non tiven moi boas sensacións e tiven que tirar da cabeza”, desvelou o primeiro clasificado. A 2:38 rematou en terceira posición o líder elite Jorge Punzón (Cosmos).

 

Vidal suma e segue

Na outra carreira raíña tamén repetiu éxito a triunfadora da anterior proba puntuable para a Copa Galicia. A elite Nuria Vidal impúxose por diante de Diana Blanco (Barbanzabike) e o terceiro chanzo do podio ocupouno Aida García (Ciclismo – Triatlon Poio). A dominadora da xeral, Desiree Fernández (RSBike), foi cuarta e mantén a súa privilexiada posición na táboa.

Os rankings deste certame presentan tres novidades en canto aos líderes.  Jorge Fernández sitúase primeiro na clasificación júnior masculina, Andrea García iguala coa súa compañeira de equipo Noela Saa na júnior feminina e Marcos Mayo adianta a Alejandro Trasbach (Racing Cycling), ausente esta xornada, na máster-40. No resto de categorías continúan no máis alto Zaira Vila (Coruxo) e Miguel Rodríguez  en cadetes, Irene Trabazo (Marín) e Óscar Leira (Vara e Pedal) en sub23, Diego Rey nos máster-30, Rocío Blanco (A Forna) nas máster e Carlos Otero nos máster-50.

Os líderes e gañadores en Coirós subiron ao podio nunha cerimonia de premiación que contou coa presenza de Carlos García, concelleiro de Deportes de Coirós; Andrés Hermida, concelleiro de Deportes de Betanzos; Jorge Boado, concelleiro de Coirós; Manuel Seijo, presidente do Caimanes Betanzos; e Begoña Carpinteiro, secretaria da Federación Galega de Ciclismo. A Copa Galicia XCO volverá a escena este próximo sábado en Cambre.

Foto: Luz Iglesias 

Documentos: