Saúl López e Carla Fernández asinan triunfos solventes na Copa Galicia de Esmelle





Modalidades: 

Dúas probas en dous días e dobre vitoria para Saúl López na Copa Galicia de Ciclocrós. O monfortino do Maceda repetiu este sábado no circuíto ferrolán de Esmelle o éxito acadado na xornada anterior en Culleredo, impoñéndose de novo na carreira Elite e Sub-23. A raíña feminina na cuarta cita puntuable do certame autonómico foi a sub-23 Carla Fernández (Río Miera).

O III Ciclocross Val de Esmelle reuniu a preto de 300 participantes e a incógnita sobre quen sería o gañador no prato forte deste evento xa se despexou na primeira volta. Saúl López marchouse en solitario e os seus rivais xa non o volverían ver ata a liña de meta, onde venceu cun tempo de 50 minutos e 26 segundos. 

A 1:14 do vencedor, o duelo por rematar segundo entre Jorge Punzón (Cosmos) e Luis Fernández Oliveira (Avanza) non se resolveu ata as últimas pedaladas. Finalmente, o porriñés Punzón bateu ao seu veciño e con este resultado afianzou o seu liderado na clasificación xeral elite da Copa Galicia. Como primeiro sub-23 entrou Roi López (Compostelano), que se sitúa ao mando do ranking da súa categoría. 

Na carreira estrela das mulleres Carla Fernández tamén marcou a pauta con solvencia. A viguesa do Río Miera inaugurou a súa conta de triunfos absolutos desta temporada tras 42 minutos e 57 segundos de esforzo. A 24” corredora que encabeza a táboa sub-23 deste certame entraron dúas corredoras juniors: Aroa Mediavilla (Cambre) e a líder Laura Capa (Aleata-Farto), segunda e terceira respectivamente.

Dominio dos líderes

No resto das categorías os corredores que defendían os maillots da Copa acapararon a maioría das vitorias: Laura Mira (Redondela) e Ricardo Buba (Coruxo) en cadetes, Miguel Rodríguez (Ponteareas) nos juniors, Diana Blanco (Barbanzabike) nas elites, Rocío Blanco (A Forna) nas masters-30, Estela Lago (Bike O Facho) e Marcos Mayo (Noela) en máster-40, Antonio Sousa nos máster-50 e Antonio Fernández (Cambre) nos máster-60.

A excepción protagonizouna Alejandro Mesías (CiclosQuintena) nos máster-30 ao superar ao líder Andrés Calvete (Monte Xalo), que continúa á fronte da xeral. Os triunfadores da xornada subiron ao podio no que se encargaron de entregar os trofeos e os maillots Ángel Mato, alcalde de Ferrol; Antonio Golpe, concelleiro de Deportes; Ángel Grandal, representante do Club Esmelle; e José Manuel Flores, vicepresidente da Federación Galega de Ciclismo.

Tras este intenso arranque do mes de novembro, a Copa Galicia regresará o vindeiro sábado en Dumbría.

 

Foto: Club BTT Esmelle

Documentos: