Saúl López irrompe na Copa Galicia XCO gañando en Ferrol





O vixente campión autonómico de Cross Country Olímpico (XCO) iniciou o seu calendario 2019 de xeito triunfal. O elite Saúl López (Academia Postal-Maceda) acadou a vitoria absoluta na carreira raíña do VIII Trofeo BTT Rallie Cidade de Ferrol. Co evento organizado polo Club Ciclista Ferrol, coincidindo un ano máis coa festividade do 1 de maio, a Copa Galicia alcanzou o seu ecuador.

Entre os 141 bikers inscritos tamén subiron ao máis alto do podio como gañadores das súas categorías Laura Capa (Aleata-Farto) e Miguel Rodríguez (Ponteareas) en cadetes, Jorge Fernández (Ponteareas) nos juniors, Irene Trabazo (Marín) e Pablo Álvarez (Cambre) en sub23, Nuria Senra (MTB Os Eskornabois) nas elites, Fernando Díaz (MTB Os Eskornabois) nos máster-30, Alejandro Trasbach (Racing Cycling) nos máster-40 e Franciso Xavier López (MTC) nos máster-50/60. 

O circuíto situado na parroquia ferrolá de Brión volveu facer as delicias dos participantes. Un trazado cunha lonxitude ideal e con rochosas trialeiras nas que a habilidade sobre a bicicleta xoga un papel fundamental. Aínda que o ceo estivo ameazante, a chuvia non apareceu nesta terceira xornada da Copa Galicia. 

A xornada abriuse cunha primeira quenda na que destacou o dominio de Francisco Xavier López nos máster-50/60. O representante do MTC aproveitou o punto de forma que traía das súas magníficas actuacións nos maratóns do circuíto Transgalaica e na súa estrea neste certame de XCO impúxose con máis de tres minutos de vantaxe sobre Carlos Otero (BTT Fene).

A outra gran irrupción na Copa desta modalidade olímpica protagonizouna Saúl López. Despois dunha rápida posta en escena dos elites e sub23, o corredor do Maceda marcou un ritmo que ningún outro biker puido seguir. Unha vez que logrou unha vantaxe de medio minuto respecto aPablo Álvarez e ao líder elite Jorge Punzón (Cosmos), foi quen de manter esa diferenza ata o final. "Deixoume sabor a sangue", bromeou o vencedor sobre o seu debut da temporada nun circuíto que "persoalmente gústame moito, revirado e moi físico. Faise duro porque está moi roto".

Un cambio de líder

No man a man pola segunda posición Álvarez superou a Punzón por tan so catro segundos. O porriñés do Cosmos mantén a súa camisola de primeiro clasificado no ránking elite. Polo contrario, nos juniors hai cambio de líder. Unha avaría na primeira volta penalizou a Marco Nube Lema (Academia Postal - Maceda) e Roi López (Compostelano) aproveitou para asaltar a primeira posición da xeral. 

No resto de categorías continúan vestindo os maillots da Copa Galicia a cadete Zaira Vila (Coruxo), o cadete Miguel Rodríguez, a júnior Noela Saa (Academia Postal - Maceda), a sub23 Irene Trabazo, o sub23 Óscar Leira (Vara e Pedal), a elite Desiree Fernández (RSBike), a máster-30 Rocío Blanco (A Forna), o máster-30 Diego Rey (Tambre Bike), o máster-40 Alejandro Trasbach e o máster-50 Carlos Otero. A seguinte cita puntuable será o sábado 18 de maio o IV XCO Caimanes Betanzos. 

Foto: Luz Iglesias

 

 

Documentos: