Saúl Martín, Iván Villar e Alfonso Fernández selaron en Boiro os seus títulos da Copa Galicia Máster





Modalidades: 

A segunda edición da Copa Galicia Máster pechouse este domingo en Boiro co IV Trofeo Patrocinador. Na cuarta e definitiva xornada puntuable do certame autonómico os tres corredores que portaban os maillots de líderes defendéronos con éxito. O máster-30 Saúl Martín (Villaviciosa-Mayador), o máster-40 Iván Villar (Villaviciosa-Mayador) e o máster-50 Alfonso Fernández (Orensano) selaron os seus títulos na proba organizada polo Club Ciclista Jealsa Barbanza e o Concello de Boiro.

O triunfo absoluto nos 97 quilómetros con saída e chegada na Rúa Principal foi para o máster-30 Iago Alonso (Chantadino). No resto de categorías impuxéronse Iván Vidal (Máster da Louriña) nos máster-40, Juan Manuel Toribio (Debra) nos máster-50, Manuel Prieto (Norinver) nos máster-60 e Miguel Ángel Mera (MMR Academy) nos juniors. 

Ademais dos premios do Trofeo Patrocinador, na praza do concello de Boiro entregáronse os trofeos e os maillots dos rankings finais da Copa Galicia.Tras as carreiras celebradas ao longo da temporada en Oroso, A Estrada, Betanzos e Boiro o podio máster compuxérono o gañador Saúl Martín xunto a Javier Freire (O Pino Montaevai) e José Luis Mariño (Norinver), segundo e terceiro respectivamente.

Iván Villar encabezou a táboa máster-40 por diante de Juan José Álvarez (Máster da Louriña). O terceiro posto correspondeulle a Eduardo Tajes (Norinver). En canto aos máster-50/60, Alfonso Fernández estivo escoltado no caixón por Juan Manuel Toribio, segundo, e Juan Alberto Vigil (Cidade de Oviedo), terceiro.

Unha vez rematada a Copa, o pelotón máster ten unha dobre cita esta semana. O xoves en Betanzos disputarase o IV Trofeo Ciclista San Roque, organizada polo C.C. Betanzos, e na fin de semana terá lugar en Asturias o Campionato de España. O sábado será o momento das probas en liñas e o domingo das contra o reloxos.

Documentos: