A seguridade vial e o 60 aniversario do Padronés marcaron a Gala do Ciclismo Galego 2016





Tema: 

O Auditorio Centro Sociocultural de Padrón luciu un cheo ata a bandeira para celebrar a Gala do Ciclismo Galego 2016. Máis de 300 persoas asistiron ao acto organizado pola Federación Galega de Ciclismo (FGC) no que se premiou aos mellores corredores autonómicos durante o pasado ano, fíxose fincapé na seguridade dos ciclistas nas estradas e homenaxeáronse dilatadas traxectorias como a do Club Ciclista Padronés, que exerceu de anfitrión para festexar o seu 60 aniversario.

Un dos momentos máis emotivos viviuse co recordo ás vítimas por accidentes de tráfico e falecidos no 2016: José Antonio Casas 'Ñito', Diego Freiría, Jesús Mancebo e Jorge Pérez. En relación a este tema tamén se proxectou un vídeo da campaña de Seguridade Vial promocionada pola FGC.

Con Terio Carrera, presentador da TVG, exercendo de mestre de ceremonias e co actor Pepo Suevos amenizando a gala cos seus monólogos sobre o ciclismo, repartíronse quince Mencións Especiais. Estas distincións concedéronselle aos corredores profesionais Jacobo Ucha e Samuel Blanco, ao árbitro José Cuíñas Conde,  á empresa Norinver, á Radio Galega, a Luis López López (Zurdo) do Clube Ciclista Milagrosa, ao Clube Ciclista Maceda, ao Clube Ciclista Coruxo, ao Clube Ciclista Bici Verde, ao Más Enduro MTB e ao Singletrack Outdoor Sports; e a Santiago Villanueva, Delegado do Goberno en Galicia,  pola súa implicación na seguridade do colectivo ciclista.

 Para pechar este capítulo, o fundador do Clube Ciclista Padronés subiu ao escenario para celebrar o 60 aniversario desta histórica entidade. Julio Vázquez, de 87 anos, estivo acompañado polo actual presidente Tanis Vázquez e pola súa directiva ao completo que recolleron o premio ao seu patrocinador Aluminios Cortizo polos seus 30 anos de apoio ao clube.

Máis de cen galardóns

O 2016 deixou unha excelente colleita de medallas nos campionatos e nos opens e nas copas de España para o ciclismo galego. Todos os corredores que subiron ao podio a nivel estatal foron galardoados. Xunto a eles tamén desfilaron polo escenario de Padrón os vencedores dos Rankings FGC das modalidades de Estrada, Ciclocross, BTT-XCO, BTT-XCM, BTT-Enduro e BTT-DH.

En total, repartíronse máis de cen premios por resultados deportivos que foron entregados polas autoridades presentes no acto: Francisco Javier González, en representación da Secretaría Xeral de Deportes da Xunta de Galicia; Jesús Aneiros Rodríguez, Comandante da Garda Civil de Tráfico no sector da Coruña; Isidoro Hornillos, presidente da UFEDEGA; Antonio Fernández, alcalde de Padrón; Andrés Sanmarco, concelleiro de deportes de Padrón; Marcos Serrano, representante de Amura; os ciclistas profesionais Gustavo César Veloso e Delio Fernández; os excorredores profesionais Suso Blanco Villar e Fernando Citoula; Juan Carlos Muñiz, presidente da FGC; Iván Lorenzo, presidente do Comité Técnico de Árbitros da FGC; Emilio García, tesoureiro da FGC; e Xosé Anxo Vidal, seleccionador de Galicia.