Seis títulos autonómicos de estrada repartíronse no Campionato de Galicia disputado en Carballo





Modalidades: 

As categorías femininas e as masculinas cadete e júnior teñen novos campións autonómicos de estrada. María Jesús Barros en elite, Paula Sanmartín (Bioracer) en sub23, Redosinda Fernández (Cidade de Lugo - Esturión) e Guillermo Mallo (Autronic-Vigués) en juniors, e Carla Fernández (Marín - Ottoman) e Miguel Ángel Mera (Cortizo - Anova) en cadetes, foron os triunfadores da cita organizada polo Club Ciclista Carballo e a Federación Galega de Ciclismo. Un total de 121 corredores participaron nesta competición na que se puxeron en xogo seis títulos.

A primeira das tres carreiras tivo como protagonistas ás mulleres cadetes, juniors, e elite-sub23. A súa proba disputouse nun percorrido de 33 quilómetros e a gañadora absoluta foi a elite María Jesús Barros. A corredora do C.C. Spol do Porriño venceu con catro segundos de vantaxe sobre a tamén elite Sandra Moral (Cidade de Lugo - Esturión) e a sub23 Paula Sanmartín. A 1:19 chegou Carla Fernández (Marín - Ottoman), proclamándose campioa cadete, e a 1:24 a elite María José Gómez (Cambre - Caeiro). 

O título júnior decidiuse ao sprint nun grupo que rematou a 3:33. Redosinda Fernández (Cidade de Lugo - Esturión) superou ás tamén juniors Inés Castaño (Compostelano) e María Correa (O Rosal). Co mesmo tempo finalizaron Lorena Sanín (Cidade de Lugo - Esturión) e Claudia Portela (Redondela), segunda e terceira sub23 respectivamente, e as cadetes Noela Saa (Maceda) e Anal Belén Domínguez (Marín - Ottoman), que escoltaron no podio a Carla Fernández. 

A continuación foi a quenda dos cadetes sobre unha distancia de 52,9 km. Miguel Ángel Mera, actual líder da Copa Galicia, fixo valer a súa condición de favorito e gañou en solitario. O corredor do Cortizo - Anova presentouse na liña de meta con 41 segundos de marxe respecto a Rubén Durán (Carballo a un Paso). A loita polo bronce resolveuse nunha chegada masiva con Adrián López (Compostelano) impoñendo a súa punta de velocidade.

Por último, foi a quenda dos juniors cunha carreira de 90 quilómetros. Once corredores distanciáronse do resto de participantes acumulando unha vantaxe final superior aos seis minutos e medio. Entre os once fugados o máis rápido foi Guillermo Mallo. O ciclista de segundo ano do Autronic-Vigués venceu cun tempo de 2:24:42. Coa segunda posición fíxose Rafael Pereira (Dipuléon) e coa terceira César Pico (Cidade de Lugo - Esturión).

Nese grupo dianteiro tamén finalizaron Martín Soutullo (Carballo a un Paso), Adrián Giráldez (Ponteareas), Jorge Suárez (Cidade de Lugo - Esturión), Manuel Blanco (Cambre - Caeiro), Uxío San Martín (Cortizo - Anova), Abner González (Cidade de Lugo - Esturión), Isaac Maceiras (Cortizo - Anova) e Abel Franco (Bathco).

A xornada pechouse coa entrega de premios na que participaron Marcos Trigo e Miguel Vales, concelleiros de Carballo; Vanesa Loureiro, presidenta do C.C. Carballo; e Guillermo Sande, técnico da Federación Galega de Ciclismo. 

 

Foto: Club Ciclista Padronés

Documentos: