A Selección de Galicia acadou a vitoria con Carlos Canal e a segunda praza con Noela Saa nas carreiras cadetes do Superprestigio de Arnedo





No seu debut desta temporada a Selección de Galicia de Cross Country Olímpico (XCO) contou con dous representantes no podio do Superprestigio MTB 2017 de Arnedo. Carlos Canal impúxose na proba cadete masculina e Noela Saa asinou a segunda posición na cadete feminina. Os dous bikers do Academia Postal - Actyon - MMR lideraron a actuación en terras rioxanas do combinado autonómico, que colocou a outros cinco corredores no Top-10 das súas categorías.  

Co seu triunfo nesta cita de nivel UCI C2, Canal prolonga a súa xeira de éxitos nesta campaña. Líder actual do Open de España cadete, o limiao exhibiuse no esixente circuíto de 5,3 quilómetros de Arnedo. Na liña de meta detivo o reloxo en 50:28, aventaxando en máis de 7 minutos e medio ao segundo clasificado Haritz Azurmendi e ao terceiro Marcos Aranega (Selección de Madrid).  Roi López, undécimo, e Iván Cadaveira, trixésimo sexto, completaron a participación nesta carreira da selección dirixida por Xosé Anxo Vidal e Guillermo Sande. 

Nas rapazas cadetes Galicia amosou  a súa fortaleza como bloque e as súas tres bikers finalizaron entre as seis primeiras. Saa ocupou a segunda praza, quedando a 1 minuto e 27 segundos da vencedora Estibaliz Sagardoy (Conor-Saltoki). O podio completouno Nadia Lozano (Selección de Madrid), con Aida González quinta e Andrea García sexta. 

No resto da actuación galega destacou a quinta posición obtida polo júnior Iván Feijoo. O corredor de Allariz cedeu 2 minutos respecto a David Campos (Primaflor), que gañou por diante de dous representantes da Selección de Portugal. Adrián Barros rematou decimoitavo, mentres que que na proba junior feminina Alba Arias foi sétima. 

O medallista olímpico Carlos Coloma (Primaflor) dominou a proba raíña masculina na que Samuel González concluíu como décimo mellor sub23. O elite Saúl López tivo que abandonar debido a unha avaría mecánica. Esta competición foi para os bikers galegos a antesala da última xornada puntuable do Open de España Cofidis, que se disputará o vindeiro domingo en Maceda.

 

Documentos: