A Selección de Galicia busca medallas nos campionatos estatais de XCO/XCE/TR e de Descenso





Por partida dobre os bikers galegos defenderán as cores da súa Selección autonómica durante este fin de semana. Mentres que en Arguedas (Navarra) se celebrará dende este venres a gran cita anual XCO/XCE/Team Relay o domingo terá lugar en Teror (Canarias) a loita polos títulos estatais de descenso. En total, dezasete corredores representarán a Galicia nestes dous eventos. 

A primeira opción seria de medalla chegará este venres na proba Team Relay. O cuarteto formado por Lara Lois, Carlos Canal, Iván Feijoo e Jorge Punzón parte coa referencia da prata acadada hai un ano en Morazarzal (Madrid) nesta disciplina das remudas por combinados autonómicos. Dende as 18:00 horas será Catalunya a encargada de defender a coroa. 

No circuíto navarro de 5,1 quilómetros e 190 metros de desnivel, o mediodía do sábado (12:45 horas) está reservado para a carreira sub23 masculina de Cross Country Olímpico con Iván Feijoo á fronte dun trío galego que completan Pablo Álvarez e Estefan González. 

O domingo disputaranse o resto de competicións de XCO con presenza da Selección de Galicia. Ás 09:00 horas comezarán os juniors con Carlos Canal, Xoel Montes e Marco Nube Lema; ás probas femininas poranse en marcha  a partir das 10:45 coa elite Lara Lois, a sub23 Irene Trabazo e as juniors Andrea García e Noela Saa; quedando para o final os elites con Jorge Punzón el Alberto Pedreira. 

Máis información

DHI en Teror

Ao mesmo tempo que no norte de España rodan os especialistas en XCO, na xornada dominical os mellores riders estatais medirán forzas en territorio canario. A localidade de Teror acolle o Campionato de España DHI 2019.

A cadete Uxía Álvarez, o júnior Marco Martínez, os sub23 Víctor Mariño e Kevin Méndez, e o máster-30 Manuel Pellón son os pilotos convocados para lanzarse nun descenso de un quilómetros de distancia e cunha pendente máxima do 50%. A primeira manga arrancará ás 11:00 (horario peninsular) e a segunda ás 13:00. 

Máis información