A selección de Galicia disposta a conquistar o nacional de btt enduro en Teror (Canarias)





A selección de Galicia acode este fin de semana a Teror (Illas Canarias) para disputar o Campionato de España de Enduro, unha modalidade na que o vigués Toni Ferreiro (Coruxo) defenderá co seu club o título absoluto obtido o pasado ano en Madrid.

Ademais de Ferreiro, os representantes galegos contarán como referencias ao recente gañador do Open de España, Antonio Pérez (Condado) en categoría master e a Desiree Duarte (Condado) en sub 23. Mario Fernández (Rosal) e Nicolás Carreira (Coruxo) parten como grandes favoritos en junior despois de que ambos completasen o esixente Open de España como gañador e segundo clasificado, respectivamente. Rubén Rodríguez (Condado), recente gañador en Tuña, última proba disputada antes do Nacional é outro dos membros destacados do combinado de Galicia en categoría elite mentres que Borja Caneiro ( DH Galicia) completa o equipo galego como master 30 b. O Campionato de España conta, nesta edición con 157 riders. Na nómina de favoritos tamén destacan o grancanario Raúl Yánez, Mariano Mari, Mireia Baquedano e o tinerfeño Edgar Carballo.

Trátase da primeira ocasión na que as Illas Canarias acollen Campionato de España de BTT e faio cunha modalidade espectacular que pon a proba a técnica e a resistencia dos participantes. A organización corre a cargo do Club Ciclista Ciclonorte- Aterore e o Concello de Teror e o grancanario será o quinto nacional dunha modalidade que estreou Campionato de España en 2014 en Maçanet (Cataluña), seguiu en 2015 en Porriño (Galicia), 2016 en Villanua (Aragón) e que en 2017 tivo lugar en El Atazar (Madrid).

Segundo Sergio Yánez, director da VI Enduro Vila de Teror “o percorrido contará con seis tramos cronometrados: un o sábado e o resto o domingo, que supoñerán un total de 48 quilómetros”. Ademais destas, o Enduro contará coas probas Eliminator (venres ás 20:00 horas), que é unha carreira na que catro corredores enfróntanse a un circuíto curto de 600 metros e na que se van celebrando roldas eliminatorias e a carreira de nenos (sábado 7 ás 16:00 horas), unha proba ciclista para menores de 3 a 14 anos, valedoira para o Campionato de Gran Canaria de escolas de ciclismo.

Este venres teñen lugar os adestramentos libres, mentres que os adestramentos oficiais serán o sábado de 09:00 horas a 17:00 horas. O sábado pola tarde arrincará a acción coa disputa dun primeiro tramo urbano cronometrado por Teror. Xa o domingo ás 08:30 horas tomará a saída o primeiro participante. Tanto a zona de saída como a de meta estarán situadas na Praza da nosa Señora do Piñeiro, corazón do Conxunto Histórico-Artístico do Casco Antigo de Teror.