A Selección de Galicia Júnior participa na Gipuzkoa Klasika, última proba do Trofeo Federación





Este domingo o Trofeo Federación de seleccións autonómicas juniors despide a súa edición deste 2017 coa disputa da XXIII Gipuzkoa Klasika. O combinado galego chega clasificado na sexta posición da xeral a esta segunda e última proba puntuable. Seis corredores compoñen o equipo confeccionado polos seleccionadores Xosé Anxo Vidal e Guillermo Sande.

Os juniors convocados para competir nas estradas vascas son Guillermo García Janeiro (Besaya), Roi Domínguez García (Fundación Óscar Pereiro), Andrés Abal Aldao (Fundación Óscar Pereiro), Adrián Giráldez Rodríguez (Servicio Logist. Soutullo Ponteareas), Guillermo Mallo Ulery (Autronic – C.C. Vigués) e Brais García Romero (Cambre – Caeiro).

A Selección de Galicia sumou nove puntos na VI Copa Valladolid-Memorial Ángel Lozano, a apertura do Trofeo Federación celebrada o pasado 2 de abril. Ocupa a sexta praza na clasificación encabezada por Baleares con 30 puntos, oito máis que Castilla y León. Terceira é Aragón con dezasete, cuarta Castilla La Mancha con catorce e quinta Valencia con once.

Os 120 quilómetros de percorrido da Gipuzkoa Klasika comezarán e rematarán na localidade de Zegama. A primeira parte da proba comprende tres voltas a un circuíto relativamente chairo por Segura, Idiazabal e Zegama, con sendas metas volantes. Pero a partir do km 57 o perfil cambia, enlazando as ascensións a Liernia (de 3ª categoría, km 78,5), Atagoti (2ª, km 98,4). Atziaia (3ª, km 104,5) e Barbaris (2ª, km 115), esta última a apenas cinco quilómetros da meta, onde está prevista a chegada pouco despois das 13:30 horas.

No palmarés desta carreira sobresaen nomes como os de Alejandro Valverde e Jesús Herrada, ciclistas na actualidade do Movistar Team. A temporada pasada o triunfo por equipos correspondeulle a Euskadi.

Ademais das seis primeiras seleccións no ranking do Trofeo Federación, na liña de saída tamén estarán os combinados autonómicos de Andalucía, Cataluña, Euskadi, Extremadura, Madrid, Murcia e Navarra; as seleccións provinciais de Álava e Bizkaia; os equipos españois Turismo Villanua, AMPO, Víctor Alvaro Construcciones, Limousin Kartoiak, Ciclos Iturriana, Portabicis.com, Ulma, Dyniu, Bazpi, Zerki-Gan, Augar e Atracciones Sanz; e os conxuntos franceses Purinees Atlantiques e Aviron Bayonnais.