A Selección de Galicia Júnior tivo presenza nas fugas da Gipuzkoa Klasika





O pasado domingo a Selección de Galicia Júnior  foi un dos 29 conxuntos que tomou a saída na XXIV Gipuzkoa Klasika. A prestixiosa proba vasca presentou un esixente percorrido de 108 quilómetros e o combinado autonómico conseguiu ter presenza en varias escapadas.  Ivan Dias, Jorge Suárez, César Pico, Brais Gómez, Martín Soutullo e Uxío San Martín formaron o bloque dirixido polo seleccionador Guillermo Sande. 

Oito corredores integraron a primeira fuga que logrou abrir oco nos quilómetros iniciais. Galicia estivo representada nesta aventura con Brais Gómez e a vantaxe destes escapados chegou a ser superior ao minuto e medio.

O pelotón neutralizou este intento a 45 km para a liña de meta e a continuación, tras supear o primeiro porto, probouno Jorge Suárez acompañado por outros dous corredores. O grupo principal cazou ao trío de cabeza antes de iniciar a última ascensión puntuable e nese intre arrancou o luso Alfonso Silva. O ciclista da selección de Portugal coroou en solitario a durísima subida ubicada a 15 km para o final e venceu en Azpeitia con 35" segundos de  marxe. 

Foto: Lagun Onak