A Selección de Galicia participou en dúas probas da Copa de España Cofidis





A Selección de Galicia feminina desprazouse ata terras mediterráneas para participar durante a pasada fin de semana en dúas citas puntuables para a Copa de España Cofidis. 

O domingo no I Gran Premio Costa Blanca, na localidade alacantina de Calp, a cadete Carla Fernández (Marín - Ottoman) logrou ser sexta no sprint que gañou Carolina Estévez (UCFuenlabrada). Pechando ese pelotón principal entrou Paula Faraldo (Vigués - Autronic) despois dun percorrido de 60 quilómetros. A medio minuto da vencedora cruzou a liña de meta Andrea García, a ciclista do Cambre - Caeiro, mentres que Antía Crende, do Cidade de Lugo - Esturión, fíxoo a 4:40 na posición 43. 

Pola súa parte, na competición elite Sandra Moral completou os 90 quilómetros nos que se impuxo Lourdes Oyarbide (Bizkaia - Durango). A do Cidade de Lugo - Esturión clasificouse 27ª a 14:37 da cabeza da carreira. 

O día anterior no municipio murciano de Torre Pacheco, e sobre unha distancia de 46,8 kms, Paula Faraldo obtivo a 18ª praza a 14" de Irati Puigdefabregas (Nafarroa), primeira clasificada no XV Trofeo Roldán. Dous segundos máis tarde que a súa compañeira de selección finalizou Fernández (31ª) e a continuación Antía Crende (37ª) e Andrea García (40ª).

Clasificación Trofeo Costa Blanca