A Selección de Galicia rematou cuarta no Team Relay do Campionato de España de Ciclocross





Tres caídas na primeira remuda lastraron as opcións da Selección de Galicia na proba Team Relay coa que este venres arrancou o Campionato de España de Ciclocross na localidade guipuscoana de Legazpi. O sexteto dirixido por Guillermo Sande defendía o título acadado no 2017, pero desta vez quedouse a un paso do podio. Rematou cuarto nunha carreira que se adxudicou Cantabria. 

O elite Darío Otero foi o elixido para completar a primeira volta e o infortunio cebouse con él. Ata en tres ocasións foise ao chan, o que o arrastrou á última posición cun tempo de 14:11. O seu testemuño colleuno o cadete Miguel Rodríguez, que comezou a achegarse á cuarta clasificada, Madrid, marcando un crono de 14:28. A remonta galega continuou coa sub23 Irene Trabazo, cun parcial de 14:57, e Galicia colocouse cuarta coa entrada en acción do master-30 Luciano Carretero, cun rexistro de13:19.

As medallas xa eran inalcanzables e o júnior Carlos Canal consolidou a posición de Galicia realizando a penúltima volta en 12 minutos exactos. Por último, apareceu en escena o sub23 Samuel González, a quen se lle rompeu unha zapatilla ao tocar cun pao nunha curva. Ese contratempo levouno a asinar un  tempo persoal de 12:47 e o rexistro global da Selección foise ata 1:21:42. Cantabria venceu detendo o reloxo en 1:16:48 e con tan so cinco segundos de marxe sobre Asturias. Co bronce fíxose Catalunya (1:17:55).

Segunda xornada

Este sábado chegará o momento das competicións individuais e dez representantes da Selección de Galicia rodarán polo enlamado circuíto de Legazpi. O programa da xornada empezará coas carreiras Máster-50/60 (9:30 horas) e Máster-40 (10:45), antes de que as 12:00 horas se poñan en marcha os cadetes con sete corredores do combinado galego: Miguel Rodríguez, Jorge Fernández, Xoel Montes, Zoe del Río, Fabián Rodríguez, Martín González e Borja Gómez. 

 A actividade reanudarase ás 14:30 horas coa proba Máster-30, na que Luciano Carretero buscará repetir a súa actuacion do pasado ano cando se fixo co bronce. Para rematar este día será a quenda dos sub23 con Galicia presentando a Iván Feijoo, recente gañador da Copa de España nesta categoría, e a Samuel González, medalla de prata no 2017.