A Selección de Galicia sumou outros dous cuartos postos nos Campionatos de España con Samuel González e Alejandro Trasbach





Os corredores da Selección de Galicia comezaron os Campionatos de España de Cofrentes abonados aos cuartos postos. A un paso do bronce quedou na primeira xornada o equipo de team relay e esa mesma situación repetiuse en dúas ocasións este sábado en terras valencianas. Samuel González rematou cuarto a carreira sub23 de XCO  e Alejandro Trasbach fixo o propio na máster-40A.

O gañador sub23 Josep Durán (Catalunya) e o segundo clasificado Álvaro Casal (Norclean) lograron unha renda superior aos 20" na primeira das seis voltas. Por detrás estableceuse un grupo de sete unidades co vigués González como representante galego. Os dous bikers que encabezaron a proba resultaron inalcanzables para os seus perseguidores, entre os que se estableceu unha loita chea de alternativas para facerse co bronce. 

O biker do Salvaterra pasou en terceira posición ao remate da segunda volta, pero de aí ata o final rodou na cuarta praza. A liña de meta cruzouna cun tempo de 1:34:06, a un minuto do terceiro clasificado Jorge Gómez (Valencia).

Remonta

Pola súa banda, Alejandro Trasbach fixo unha carreira de menos a máis na competición máster-40 A. O corredor do Racing Cycling marchaba decimoquinto despois da primeira das catro voltas e foi remontando posicións ata finalizar cuarto, a 15" do terceiro, Alfredo Padilla (Madrid), e a 42" do vencedor, Carlos Molina (Andalucía).

"Saíume unha boa carreira, malia efectuar unha mala saída como me acontece en todos os campionatos de España. Ao principio non son capaz de manter o nivel dos rivais. Arranquei ben no asfalto, pero na entrada ao circuíto adiantáronme vinte corredores. Pouco a pouco fun collendo ritmo e superando xente. Estou contento co resultado, o mellor que acadei ata o momento", sinalou Trasbach. 

Clasificacións