A Selección de Galicia sumou tres medallas nas probas individuais do Campionato de España de ciclismo adaptado





Despois da prata obtida na carreira de remudas en handbike, a Selección de Galicia conseguiu tres metais máis nas probas individuais dos Campionatos de España de ciclismo en Pista disputados na provincia en Málaga. Ivan Manoel Montero sumou dos bronces en MH5 e Mila López unha prata en WH4.

O sábado a localidade malagueña de Cártama acolleu as contrarreloxos. Nun esixente circuíto de 6,9 kilómetros, cunha selectiva subida, zonas técnicas e longas rectas, a baionesa López marcou un tempo de 32:25. A vencedora foi a madrileña Eva Moral, que rebaixou en 2:34 o rexistro da galega.

Nas competicións masculinas, Montero asinou a terceira praza en MH5, a 08:05 do gañador José Vicente Arzo (Valencia). O resto de participantes galegos foron Álvaro Illobre, 6º en MH4; Miguel Ángel Alonso, 14º en MH3; e Ángel López e Alejandro Ferradas, 6º e 7º respectivamente en MH2.

A actividade desta cita estatal trasladouse o domingo a Alhaurín de la Torre para celebrar as carreiras en liña. Os corredores rodaron sobre un circuito máis reducido do que se establecera -3.800 metros-, por mor dun problema de Tráfico, co que se viviron probas moi intensas.

Montero repetiu presenza no podio e de novo recolleu o bronce en MH5. Nesta ocasión rematou a unha volta do primeiro clasificado Francisco Tamarit (Valencia). En canto ao resto de representantes do combinado autonómico, Illobre finalizou 9º en MH4, Miguel Ángel Alonso 12º en MH3, mentres que nos MH2 López concluíu 6º e Ferrradas 7º.

Clasificacións contrarreloxo

Clasificacións probas en liña