A Selección española convoca a catro galegos para o Mundial de Ciclocross





O seleccionador español Pascual Momparler ofreceu este mércores a lista de convocados para o Mundial de Valkenburg (Países Baixos) e entre os quince corredores citados hai catro galegos. O sub23 Iván Feijoo (Academia Postal - Actyon - MMR), a sub23 Irene Trabazo (Marín Ottoman) e os juniors Carlos Canal (Academia Postal - Actyon - MMR) e Adrián Barros (Coruxo) representarán ao combinado estatal na primeira fin de semana de febreiro, os días 3 e 4. 

Os catro ciclistas galegos están asinando unha gran temporada no calendario de ciclocross autonómico e español. O alaricano Feijoo repetirá experiencia no Mundial despois de ser o gañador da Copa de España Sub23 no seu primeiro ano nesta categoría. Co título sub23 do certame estatal tamén se fixo a marinense Trabazo, que ademais a pasada fin de semana colgouse a prata no Campionato de España disputado en Legazpi.

Outros dous galegos que subiron ao podio do evento celebrado no circuíto guipuscoano foron os juniors Canal e Barros. O limiao conseguiu a vitoria na súa primeira campaña nesta categoría e o vigués obtivo o bronce. 

Momparler sinalou que "este ano imos ao Mundial con xente moi nova, moi capaz e con moito motor, pero temos que ser pacientes, pois tanto Orts como Cullell ou Iván Feijoo saltan de categoría e é necesario un período de aclimatación ata que se fagan a elas. En xuvenís, Iguanzo e Canle tamén son de primeiro ano e a pesar de que son dous mozos con moitas clase e que estou seguro que van dar que falar no futuro próximo, tampouco hai que meterlles ningún tipo de presión".

Máis información