Subvencións da Deputación de Pontevedra para clubs deportivos sen ánimo de lucro que participen en competicións federadas de ámbito inferior a nacional no 2018





Tema: 

A Xunta de Goberno da Deputación Provincial de Pontevedra, na súa sesión ordinaria de 19 de xaneiro de 2018, acordou, entre outros asuntos, aprobar as seguintes bases:

BASES DE SUBVENCIÓNS PARA CLUBS DEPORTIVOS SEN ÁNIMO DE LUCRO QUE PARTICIPEN EN COMPETICIÓNS FEDERADAS DE ÁMBITO INFERIOR A NACIONAL PARA O ANO 2018

Entre as competencias atribuídas pola lexislación de réxime local ás deputacións atópase a cooperación no fomento do desenvolvemento económico e social do territorio provincial. O deporte constitúe unha actividade que incrementa a cohesión social, motivo polo cal se considera que o impulso provincial da oferta deportiva e o fomento do tecido asociativo deportivo potencian a práctica do deporte e tamén o desenvolvemento local.

Primeira. Obxecto

Esta convocatoria ten por obxecto regular as axudas destinadas a clubs deportivos sen ánimo de lucro para apoiar a súa participación en ligas e competicións oficiais de ámbito comarcal, provincial e autonómico convocadas por organismos oficiais ou por federacións deportivas galegas nas modalidades con implantación na provincia de Pontevedra.

A través destas bases réxense as subvencións para o apoio a clubs deportivos federados e de rexional preferente na temporada 2017-2018 e, no caso dos clubs que participen en competicións de ano natural, na temporada 2018.

Neste ámbito de actuación preténdese colaborar cos axentes sociais comprometidos co obxectivo de fomentar a cohesión do territorio e a igualdade de oportunidades en materia de deportes, con independencia das condicións persoais de cada cidadá ou cidadán e do lugar da provincia onde resida.

Segunda. Dotación e imputación orzamentaria

A concesión das subvencións estará suxeita á dispoñibilidade orzamentaria, e convocarase con cargo á aplicación 18/340.3410.489.23 do Orzamento da Deputación para o ano 2018 por un importe total de seiscentos mil (600.000,00) euros, dos cales cincocentos mil (500.000,00) euros serán para o deporte base e cen mil (100.000,00) euros para rexional preferente.

Terceira. Beneficiarios

Poderán optar a estas subvencións os clubs deportivos federados que cumpran os seguintes requisitos:

— Carecer de fins de lucro

— Estar ao corrente coas obrigas tributarias da Axencia Estatal Tributaria, coa Facenda galega, coa Seguridade Social e coa Deputación, así como non ter obrigas ou incumprimentos pendentes, de calquera tipo e non só económicos, coa Deputación

— A modalidade practicada polos clubs deportivos federados ten que ter implantación na provincia de Pontevedra

— Estar inscritos no Rexistro de Asociacións Deportivas da Secretaría Xeral para o Deporte

— Non estar incursos en ningún dos supostos de incapacidade ou incompatibilidade para a percepción de axudas ou subvencións públicas nin nalgunha das prohibicións para percibir subvencións recollidas na lei

Non poderán beneficiarse destas subvencións os clubs deportivos que teñan pendentes de xustificar subvencións concedidas no ano 2017 para o mesmo programa.

Cuarta. Solicitudes e documentación

Cada club só poderá presentar unha única solicitude dunha modalidade deportiva concreta. Esta realizarase nos modelos normalizados, que se facilitarán no Rexistro xeral do organismo provincial, no da oficina periférica de Vigo, no Servizo de Deportes ou en www.depo.gal. Xunto coa solicitude presentarase a seguinte documentación, sen prexuízo do establecido no artigo 28, apartado 5, da Lei 39/2015, de 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (LPACAP):

4.1. Fotocopia actualizada do CIF do club deportivo (facilitado pola Axencia Estatal Tributaria)

4.2. Fotocopia cotexada do DNI da persoa representante legal do club

4.3. Certificación orixinal da conta bancaria a nome do club

4.4. Orzamento estimativo de gastos asinado e referido á modalidade deportiva correspondente á temporada 2017-2018 e, no caso dos clubs que participen en competicións de ano natural, á temporada 2018

4.5. Declaración responsable debidamente cuberta (modelo 100.024)

4.6. Certificación da federación galega ou española correspondente, na que detallen aos criterios de valoración específicos e previstos no cadro da base 6ª destas bases

Excepcionalmente, aqueles clubs de modalidades deportivas que se desenvolvan durante o ano natural deberán presentar o certificado da federación correspondente ao ano 2018. En caso de que non se poida presentar dito certificado, o representante legal do club deberá aportar unha declaración xurada cos datos reflectidos no punto 6 destas bases para competir no referido ano, e no momento da xustificación, deberá presentar o certificado da federación correspondente.

Os clubs deberán autorizar o organismo provincial a solicitar as certificacións de estar ao corrente das obrigas tributarias coa Axencia Estatal Tributaria, coa Facenda galega e coa Seguridade Social.

Quinta. Lugar e prazo de presentación

Estas bases reguladoras publicaranse no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra (BOPPO) e, con posterioridade, remitiráselle a convocatoria á Base de Datos Nacional de Subvencións (BDNS), que será a que lle dea traslado ao BOPPO do seu extracto, sen prexuízo da súa inserción en www.depo.gal e no taboleiro de anuncios.

O prazo para a presentación de solicitudes remata o día 23 de febreiro de 2018.

Entregaranse no Rexistro xeral do organismo provincial:

— Sede de Pontevedra: avda. Montero Ríos, s/n (de luns a venres)

— Oficina periférica de Vigo: rúa Oporto, 3 (de luns a venres)

— A través de calquera das formas previstas no artigo 16.4 da LPACAP

A presentación da solicitude implicará que se autoriza a Deputación ao tratamento automatizado de todos os datos contidos nela.

As solicitudes presentadas fóra do prazo anteriormente establecido non serán admitidas nesta convocatoria.

Se a solicitude non reúne os datos esixidos na convocatoria ou calquera dos previstos no artigo 66 da LPACAP, requiriráselle ao interesado, de conformidade co establecido no artigo 68 da citada lei, que nun prazo de 10 días hábiles emende as faltas ou presente os documentos preceptivos, indicándoselle que, no caso de non o facer, terase por desistida a súa solicitude, polo que se arquivará sen máis trámites.

Sexta. Procedemento de concesión e criterios de valoración

A concesión das subvencións realizarase en réxime de concorrencia competitiva, tendo en conta para a adxudicación das subvencións os seguintes criterios:

Criterios de valoración específicos

Puntuación máxima

Ponderación

Ámbito de competición do club: local, provincial ou autonómico

0-35

35 %

Número de licenzas federativas

0-30

30 %

Número de categorías na actual temporada

0-10

10 %

Número de licenzas femininas

0-10

10 %

Posuír licenzas de deporte adaptado

0-10

10 %

Nivel de competición do equipo ou equipos séniors

0-5

5 %

 

A concesión destas subvencións é compatible con outras que se reciban para o mesmo fin, tendo en conta que o conxunto de todas elas en ningún caso poderá superar o 100 % do orzamento que presente o club.

Sétima. Instrución do procedemento

A instrución do procedemento de concesión de subvencións correspóndelle ao xefe do Servizo de Deportes, quen realizará de oficio todas as actuacións que estime necesarias para a determinación, coñecemento e comprobación dos datos, en virtude dos cales fará un informe-proposta no que figure a valoración das solicitudes segundo os criterios sinalados na base 6.ª, explicando o sistema seguido, de conformidade co previsto no artigo 19 da Ordenanza xeral de subvencións da Deputación de Pontevedra e no artigo 24 da Lei 38/2003, de 17 de novembro, xeral de subvencións (LXS).

Informe de fiscalización do servicio de Intervención de todos os expedientes e informe-proposta.

Posteriormente realizarase un estudo do informe-proposta do xefe do Servizo pola comisión de valoración das solicitudes de subvención, órgano colexiado composto por:

— Presidencia: a deputada delegada da área de Deportes

— Vogalía: dous membros do persoal técnico do Servizo de Deportes e un membro do persoal técnico do Servizo de Intervención

— Secretaría: un membro do funcionariado do Servizo de Deportes, que actuará sen voto

A comisión de valoración poderá:

— Obter cantos informes estime necesarios para resolver

— Emitir un informe das solicitudes de subvención

A concesión das subvencións levarase a cabo a través do procedemento de concorrencia competitiva establecido no artigo 21.1 da LXS.

As propostas de concesión de subvencións someteranse á aprobación do órgano competente.

O acto de resolución do procedemento será obxecto de publicación e terá os efectos dunha notificación, por tratarse dun procedemento de concorrencia competitiva (artigo 45 da LPACAP).

Logo de transcorridos seis meses a partir do día seguinte a aquel no que remate o prazo de presentación de solicitudes sen notificar a resolución, os interesados estarán lexitimados para entender como desestimada por silencio administrativo a solicitude de subvención.

Oitava. Xustificación e pagamento

Unha vez notificadas as subvencións concedidas, os clubs beneficiarios deberán xustificalas da seguinte maneira:

— Se a modalidade deportiva corresponde á temporada 2017-2018, xustificarase dentro dos 3 meses seguintes desde que remate a temporada, e en todo caso ata 0 31 de decembro de 2018

— Se a modalidade deportiva corresponde á temporada 2018 (ano natural), xustificarase ata o 29 de marzo de 2019

A xustificación deberá conter a seguinte documentación:

a) Conta xustificativa na que se relacionarán os conceptos dos gastos por importe igual ou superior á subvención concedida pola Deputación, mais as axudas solicitadas e recibidas doutras administracións públicas, tal como se establece no art. 24.1.B.f., da Ordenanza xeral de subvencións

b) Toma de razón na contabilidade do club deportivo (modelo 340.005)

c) Unha memoria de actuación xustificativa do cumprimento da subvención otorgada, na que se indiquen as actividades realizadas e os resultados obtidos da temporada

d) Os clubs que reciban subvencións por importe superior a 1.500,00 € deberán acreditar a difusión do financiamento a través de calquera medio probatorio (prensa, valos, pancartas, vestimenta deportiva, páxina web...)

e) Orixinais ou copias cotexadas de facturas ou documentos análogos con valor probatorio no ámbito mercantil e administrativo polo importe da subvención concedida, indicando en cada factura o número de unidades, os prezos unitarios e o prezo total de cada unidade

f) Os clubs que acheguen unha declaración xurada cos datos reflectidos no punto 6 destas bases, deberán acreditar o certificado da federación correspondente

Para pagar a subvención terase en conta o seguinte:

— No caso de que se xustifiquen gastos polo 100 % do orzamento subvencionado, aboarase a totalidade da subvención

— No caso de que se xustifiquen gastos inferiores ao 100 %, aboarase a parte proporcional da subvención

O pagamento efectuarase mediante unha transferencia bancaria á conta sinalada polo club.

No caso de clubs que non conten cunha contabilidade, os gastos que non se paguen mediante unha entidade financeira non se considerarán subvencionables.

Para cobrar a subvención os clubs deberán estar ao corrente das súas obrigas tributarias coa Axencia Estatal Tributaria, coa Facenda galega, coa Seguridade Social e coa Deputación.

Novena. Obrigas dos beneficiarios

Os beneficiarios de subvencións concedidas con cargo ao Orzamento provincial teñen as seguintes obrigas:

a) Cumprir o obxectivo, executar o proxecto, realizar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamenta a concesión das subvencións

b) Xustificar o cumprimento dos requisitos e condicións, ademais da realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión da subvención. O prazo para a realización da actividade subvencionada será, para a temporada 2017-2018, ata o final desta, e no caso da temporada 2018, ata o 31 de decembro de 2018

c) Someterse ás actuacións de comprobación que efectuará o órgano concedente, así como a calquera outra de comprobación e control financeiro que poidan realizar os órganos competentes, achegando canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores

d) Dispoñer dos libros contables, os rexistros dilixenciados e os demais documentos debidamente auditados nos termos esixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable ao beneficiario en cada caso, ademais de cantos estados contables e rexistros específicos esixan as bases reguladoras das subvencións, coa finalidade de garantir o adecuado exercicio das facultades de comprobación e control

e) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dada aos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, en tanto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control

Os logotipos oficiais que se deben inserir están dispoñibles en www.depo.gal (área de descargas/imaxe corporativa).

Décima. Incumprimento

Unha vez vencido o prazo de xustificación sinalado nestas bases ou, de ser o caso, o establecido na prórroga, sen que o club beneficiario presentase a documentación xustificativa, o Servizo de Deportes requiriralle que a presente no prazo improrrogable de quince días.

O feito de non presentar a documentación neste prazo suporá a perda da subvención e as demais responsabilidades previstas na LXS.

Décimo primeira. Devolución e reintegro

As subvencións concedidas deberán ser devoltas ou reintegradas, entre outros, polos seguintes motivos:

— Obtelas falseando as condicións requiridas

— Non aplicalas aos fins para os que foron concedidas

— Incumprir o beneficiario as obrigas asumidas e as condicións fixadas nestas bases

Décimo segunda. Órgano de aprobación

De acordo co establecido na base 16.2 das Bases de execución do Orzamento para o ano 2018 e cumprindo o establecido no artigo 17 da LXS, o órgano competente para a aprobación destas bases é a Xunta de Goberno.

Décimo terceira. Normativa aplicable

As subvencións que outorgue a Deputación réxense pola seguinte normativa:

— LXS, nos artigos de carácter básico e na súa normativa básica de desenvolvemento

— Lei de subvencións da Comunidade Autónoma de Galicia e na súa normativa de desenvolvemento

— Artigos non básicos da LXS e normativa básica de desenvolvemento

— Lexislación de réxime local, estatal e autonómica

— Ordenanza xeral de subvencións da Deputación

— Bases de execución do Orzamento

— Actos administrativos ditados polos distintos órganos da Deputación

Décimo cuarta. Recursos

Contra estas bases e as resolucións administrativas que se adopten na súa execución poderá interpoñerse, no prazo dun mes, un recurso de reposición perante o órgano que as ditou, que se entenderá como desestimado se este período transcorre sen recibir contestación. Neste caso poderá interpoñerse un recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo, como se prevé no artigo 8 da Lei 29/1998, de 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa, no prazo de dous meses. Contra esta resolución tamén se poderá interpoñer directamente un recurso contencioso-administrativo no prazo indicado.

En todos os casos os prazos contarán a partir do día seguinte ao da recepción da correspondente notificación ou da data na que o recurso de reposición se entenda como desestimado.

Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra