Susana Alonso proclamouse campioa de España de Ultramaratón en Huelva





A mosense Susana Alonso (Extremadura-Ecopilas) impúxose este sábado no Campionato de España de Ultramaratón que se celebrou na Huelva Extrema. A elite galega dominou a proba de principio a fin e completou o percorrido de 190 quilómetros, con 3.000 metros de desnivel acumulado, en 9 horas 26 minutos  e 49 segundos. 

Alonso atravesou cada un dos avituallamentos en cabeza cunha clara vantaxe sobre María Díaz Pernía, que tamén mantivo estable a súa posición de medalla de prata desde os primeiros compases da competición. A segunda clasificada rematou a dez minutos da gañadora. O podio absoluto completouno a máster-30 Mónica Restrepo, do conxunto galego Tres Lunas D.O. Valdeorras MTB Team. 

"Viña con moita precaución porque nunca tiña afrontado unha distancia tan longa. É unha recompensa ao traballo que estou facendo. Está dando os seus froitos", comentou a nova campioa de España tras cruzar a liña de meta.  

Brandan, cuarto coa Selección de Galicia

Moi preto de subirse ao podio quedou o elite Brandan Márquez. Defendendo as cores da Selección de Galicia, o santiagués cruzou a liña de meta a 3 minutos e 3 segundos de Daniel Carreño (Extremadura-Ecopilas) e  José María Sánchez, segundo e  terceiro clasificados respectivamente cun rexistro de 7:42:56. A vitoria na clasificación masculina correspondeulle a Jose Márquez (7:32:59), do Quillo Márquez.

O galego asegurou nas redes sociais estar "moi contento co meu rendemento, sobre todo, vendo o nivel que había de corredores este ano. Claramente foi o campionato máis difícil de tocar caixón ata esta data. Se seguimos mellorando así, é que estamos facendo as cousas ben".