Suspensión do V Memorial Fernando Abad





Tema: 

O Club Ciclista Tambre Bike e o Concello de Oroso, principais organizadores da proba “Memorial Fernando Abad”, que estaba prevista para o vindeiro domingo día 22 do presente mes, despois de analizar o devir dos últimos acontecementos relacionados coa pandemia do Coronavirus COVID – 19, que ten afectación a nivel mundial, por prevención e responsabilidade decidiron pospoñer a celebración da nomeada carreira ciclista.

Tendo en conta que se trata dun evento deportivo no que tanto a participación dos corredores, como a de outras persoas da organización e seguridade da proba, e mesmo a asistencia de público poderían chegar a mobilizar a cerca de cincocentas persoas, e as consecuencias que a nivel sanitario iso podería supoñer, parece máis que aconsellable a suspensión da proba.

Quérese engadir a circunstancia de que ante a previsible evolución, a peor, do acontecemento sanitario, tanto as forzas de seguridade, como protección civil ou os servicios sanitarios que tiñan que estar pendentes da proba, son recursos que nós entendemos que non se deben detraer de labores máis prioritarias que agora están a acontecer.

Tanto o club como o concello pregan desculpas a tódolos participantes, patrocinadores e administracións implicadas polas molestias que se puidesen causar con esta meditada decisión, que agardan sexa comprendida.

Os organizadores teñen a intención de que a proba teña unha nova data no calendario da Federación Galega de Ciclismo, en canto as circunstancias e as autoridades aconsellen que a súa celebración non supoña risco para a saúde das persoas involucradas. 

 

Amancio Espiñeira Moruja

Presidente CC Tambre Bike.