Toni Ferreiro dominou o Open de Galicia de Enduro na Cañiza





Modalidades: 

Marcando o mellor tempo en todos os treitos, o vigués Toni Ferreiro alzouse coa vitoria na I Transivan Auto Enduro MTB, terceira proba do Open de Galicia de Enduro 2016 disputada na localidade pontevedresa da Cañiza. O representante do XMS Racing Squad impúxose por diante de Rubén Rodríguez (Laesport), que pasa a encabezar a clasificación do certame autonómico. En féminas, Eva Abadín (Barbanzabike) reforzou o seu liderado acadando o seu primeiro triunfo desta temporada. 
A primeira edición desta cita organizada polo C.C. Xtrembike tamén era puntuable para o I Open Enduro MTB Cannondale-Xtrembike 2016 e reuniu a 142 participantes. Os cinco treitos previstos acumulaban 32 kilómetros, pero o terceiro tívose que anular debido a que os primeiros corredores víronse afectados polo peche do paso a unha finca que formaba parte do circuíto. O último dos parciais tivo como escenario o centro urbán da Cañiza.
Ferreiro, que o pasado mes de abril rematou cuarto nas Enduro World Series de Arxentina, demostrou a súa calidade, pero non o tivo doado. Os cinco primeiros clasificados en scratch remataron distanciados por menos dun minuto. O elite vigués marcou un tempo final de 11 minutos e 57 segundos, con Rubén Rodríguez a 34” e o Master-30 José Manuel López Vaqueiro (+Enduro MTB) a 43”. Os tres subiron ao podio nunha cerimonia de entrega de premios na que estivo presente Miguel Domínguez, alcalde da Cañiza. 
“Sempre me emprego a fondo e o din todo en cada treito. Saíume ben, impúxenme en todos os parciais e rematei moi contento”, sinalou Ferreiro, que atopou un circuíto ideal para preparar a súa vindeira cita das World Series en Irlanda: “Esta proba estivo moi ben organizada, a sinalización era a axeitada e nas curvas non había nada que te deixara clavado. Foi moi divertido”.


Cambio de líder
A terceira xornada do Open de Galicia de Enduro tamén supuxo o terceiro líder deste certame que arrancou en Vigo e pasou por Mugardos antes de chegar á Cañiza. Rubén Rodríguez, con 340 puntos, desbancou do primeiro posto ao seu compañeiro de equipo Toni Pérez, que se queda segundo con 270. O terceiro na xeral é Óscar Martínez (Xtrembike) con 260.
Non hai novidades no máis alto da táboa en féminas. Eva Abadín estreou o seu casilleiro de vitorias no Open 2016, vencendo por diante de Rebeca González (Komanche), e deu un paso de xigante na xeral. Con 390 puntos, distánciase en 240 de Susana Rodríguez (Límite Bierzo) e de Eva Castro (School Riders Team).

O vindeiro evento puntuable terá como escenario o municipio pontevedrés de Gondomar, o 5 de xuño, e a organización correrá a cargo do C.C. Bici Verde.